O BNG-Asembleas Abertas anuncia o seu voto en contra do PXOM

O BNG-Asembleas Abertas anuncia o seu voto en contra do PXOM

Vista do Casco Histórico de Betanzos

“O realmente irresponsábel é aprobar este PXOM co informe en contra da Intervención municipal, que advirte que o Plan Xeral do PSOE non se sostén economicamente. Precisamente por responsabilidade votamos en contra”

“O problema é o modelo de cidade que deseña este plan xeral, un modelo nefasto que non se corrixe cunhas alegacións”.

Betanzos, 12 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas Abertas anunciou que “por responsabilidade imos votar en contra do plan xeral” que o PSOE presentará a pleno o vindeio martes. As nacionalistas explican que “sería unha irresponsabilidade votar a favor do plan cun informe demoledor en contra da Intervención municipal”. Ademais, engaden que o PXOM que o goberno leva a Pleno tampouco se adaptou ás numerosas indicacións que a Xunta fixo no seu informe previo. “Ignorar estas indicacións pode facer que a Xustiza tumbe ese Plan e o deixe sen efecto”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas consideran que “o realmente irresponsábel é aprobar este PXOM co informe en contra da Intervención municipal, que advirte que o Plan Xeral do PSOE non se sostén economicamente”. Desde o BNG-Asembleas Abertas cren que “a postura responsábel é non dar o visto bo a este modelo que o PSOE quere impor ás presas catro días antes de que entre en vigor a nova lei do solo”. “A Intervención municipal advirte de que o plan pode ter unhas repercusións moi graves para Betanzos de aprobarse como o redactou o equipo de goberno” explica o edil nacionalista Henrique del Río.

As nacionalistas coinciden na necesidade que Betanzos ten dun plan xeral, mais advirten que non vale calquera plan xeral. “Miño e Barreiros teñen un plan xeral e está aí ese desastre urbanístico para velo e tomar nota”, exemplifica Del Río. O edil explica que “o problema é o modelo de cidade que deseña este plan xeral, non é unha cuestión que se solucione facendo modificacións puntuais unha vez aprobado inicialmente, é o problema dun modelo nefasto que non se corrixe cunhas alegacións”.

O problema é o modelo de cidade que deseña este plan xeral, un modelo nefasto que non se corrixe cunhas alegacións

Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas entenden que hai que ver a entrada en vigor da nova lei do solo e a aprobación do plan xeral como unha oportunidade. “Temos a oportunidade de rachar con este modelo nefasto e desarrollista, que todo o fía a seguir levantando pisos, e temos tamén a ocasión de dar participación á veciñanza”, sostén Del Río. “É a ocasión de facer un deseño urbanístico que sexa unha oportunidade para o Casco Histórico e os barrios históricos da cidade, para repensar e redeseñar a mobilidade dentro da vila e coas aldeas” engade.

“Non aprobar o martes este plan xeral nefasto e insostíbel non é unha traxedia, é a oportunidade de chegar a acordos e de facer ben o deseño urbanístico para as vindeiras décadas, en vez de repetir os erros do pasado coa trampa dunhas présas que non existen”, engaden. “Precisamente por isto pedimos sentido común e responsabilidade ao goberno municipal do PSOE”, explica Del Río.

TRANSPARENCIA: le aquí o informe da Intervención

O BNG-Asembleas Abertas anuncia o seu voto en contra do PXOM