O BNG amosa o seu rexeitamento á apertura dunha gasolineira fronte o colexio

A gasolineira quedaría a 50 metros do CEIP Vales Villamarín

Henrique del Río: “Non estamos en contra de que se abran novas empresas que poidan traer oportunidades de traballo e beneficios económicos a Betanzos, pero pensamos que a ubicación xusto en fronte do colexio público non é a adecuada para esta actividade”

O BNG amosa o seu rexeitamento á apertura dunha gasolineira fronte o colexio

Henrique del Río: “Non estamos en contra de que se abran novas empresas que poidan traer oportunidades de traballo e beneficios económicos a Betanzos, pero pensamos que a ubicación xusto en fronte do colexio público non é a adecuada para esta actividade”

Betanzos, 30 de setembro de 2011. O BNG oponse á apertura dunha estación de servizo fronte ao CEIP Vales Villamarín de Betanzos. Os nacionalistas cuestionan que o goberno local do PSOE estea tramitando a apertura dunha gasolineira a apenas 50 metros do único colexio público da cidade.

Desde o BNG definen como “perigosa” a instalación da gasolineira a carón do colexio e advirten de que “sumará” máis problemas de tráfico a “un área cun tráfico especialmente problemático”. A formación nacionalista recorda que Betanzos conta con catro estacións de servizo, “dúas no centro da cidade, unha delas practicamente no remate da mesma avenida”. “Non estamos en contra de que se abran novas empresas que poidan traer oportunidades de traballo e beneficios económicos a Betanzos, pero pensamos que a ubicación xusto en fronte do colexio público non é a adecuada para esta actividade”, indicou Henrique del Río.

O BNG levou unha pregunta ao Pleno do Concello o pasado martes, que o alcalde non contestou, cando ao día seguinte saíu publicado no BOP o inicio da fase de alegacións. “No BNG non queremos pensar que hai algún tipo de interese en manter este tema oculto, pero parécenos estraña a maneira en que se silenciou este tema e a falta de información aos veciños por parte do goberno local”.

O portavoz municipal do BNG explicou, así mesmo, que a concesión da licenza para a  instalación desta gasolineira nunha parcela cualificada como rústica é competencia do Concello de Betanzos, despois do informe de avaliación ambiental da Consellería de Medio Ambiente. Antes da última modificación da Lei do Solo de Galicia, este tipo de construcións en rústico requirían unha autorización dos técnicos de urbanismo da Xunta.  Recorda que o BNG votou en contra desta reforma da lei do Solo, entre outras cousas, polos usos que o PP permite no solo rústico e da que “agora vemos as consecuencias prácticas”.

O BNG  informará aos veciños e axudaralles a redactar as alegacións a este proxecto que o goberno local do PSOE levou con total silenzo e que agora se atopa en fase de exposición pública. O vindeiro martes día 4 de outubro a partir das 20:30 h., o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río explicará aos veciños e veciñas da zona e a todos os interesados os trámites que ten que seguir esta licencia e as posíbeis alternativas.

O BNG amosa o seu rexeitamento á apertura dunha gasolineira fronte o colexio