O BNG-AA de Betanzos reclama a xestión municipal da piscina

O BNG-AA de Betanzos reclama a xestión municipal da piscina

Imaxe da piscina municipal. Tomada do web municipal

Propuxemos o mes pasado a BN e CxG presentar unha moción conxunta para darlle máis forza á demanda veciñal de remunicipalizar o servizo, pediron un tempo para mirala pero levan un mes sen respostar.

Logo de ter acceso á auditoría encargada polo goberno local, o BNG ten constatado que “Viaqua está a incumprir moitas das condicións do contrato, por exemplo no relativo a horarios ou ás instalacións coas que debería contar o complexo polideportivo”

Betanzos, 23 de xuño de 2016. O BNG demandará no Pleno que o goberno local presente un informe sobre os custos que tería a remunicipalización das piscinas e o pavillón polideportivo do Carregal. As nacionalistas recordan que o complexo deportivo está xestionado por Aquagest-Viaqua, que no pasado ano pediu traspasar o negocio a outra mercantil.

Logo de ter acceso á auditoría encargada polo goberno local, o BNG ten constatado que “Viaqua está a incumprir moitas das condicións do contrato, por exemplo no relativo a horarios ou ás instalacións coas que debería contar o complexo polideportivo”. Esta auditoría deixa constancia do “desleixo máis absoluto pola normativa de seguridade, nomeadamente en materia de substancias químicas, temperatura e humidade de piscinas públicas ou mesmo o mantemento axeitado da maquinaria da instalación”.

Isto, explican as nacionalistas, ten motivado queixas “constantes” polo mal funcionamento da piscina municipal e das pistas polideportivas do Carregal nos últimos anos. Segundo a formación nacionalista, “as usuarias quéixanse da mala calidade do servizo, mais tamén dos abusos económicos da concesionaria”, dado que se terían cobrado taxas mentres a piscina estaba pechada por obras ou mesmo nas vacacións do persoal.

Desde o BNG insisten en que a mellor maneira de garantir a calidade do servizo é a xestión directa do Concello, dado que “as empresas privadas pensan máis no beneficio económico que nas condicións en que se presta o servizo á veciñanza”, en opinión do seu voceiro Henrique del Río. Neste sentido, recordan que “fumos o único grupo que votou en contra de permitirlle a Aquagest-Viaqua traspasar a piscina, se consideran que non lles dá negocio que rescindan o contrato”.

As nacionalistas propuxeron o mes pasado a BN e CxG, grupos que en teoría comparten o rexeitamento á xestión privada do complexo deportivo pero que avalaron co seu voto iniciar a operación do traspaso, presentar unha moción conxunta para darlle máis forza á demanda veciñal de remunicipalizar o servizo. “Pediron un tempo para mirala e accedemos a non presentala o mes pasado, pero levan un mes sen respostar” explican desde o BNG, que entenden que “non se pode perder un segundo máis porque as dúas empresas privadas continúan cos seus movementos co respaldo do goberno local do PSOE e co beneplácito do PP”.

 

Garantía dos postos de traballo

 

As nacionalistas consideran que o traspaso do contrato entre as dúas empresas privadas pon en perigo tamén os postos de traballo. Por este motivo reclaman ao executivo local que informe sobre a situación en que quedaría o persoal do complexo deportivo co traspaso e cunha eventual remunicipalización do servizo. “Remunicipalizar o servizo é garantía de mellor servizo, xestión máis transparente e tamén de emprego de calidade nos servizos públicos”, conclúe Del Río.

O BNG-AA de Betanzos reclama a xestión municipal da piscina