"Volvemos ao pasado?", un artigo sobre os tics prepotentes dos primeiros meses do PSOE no goberno

"Cando se ten un goberno coma o actual, conformado por persoas que estiveron vinte anos gobernando a nosa cidade, eses erros semellan de todo menos casuais ou froito da falta de experiencia no goberno. Parece demostrado que esta forma de conducirse do goberno de Ramón García bebe directamente da actitude prepotente dos peores anos da maioría absoluta do PSOE".

"Volvemos ao pasado?", un artigo sobre os tics prepotentes dos primeiros meses do PSOE no goberno

"Cando se ten un goberno coma o actual, conformado por persoas que estiveron vinte anos gobernando a nosa cidade, eses erros semellan de todo menos casuais ou froito da falta de experiencia no goberno. Parece demostrado que esta forma de conducirse do goberno de Ramón García bebe directamente da actitude prepotente dos peores anos da maioría absoluta do PSOE".

Betanzos, 10 de agosto de 2011. O último número do xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, acolle nas súas páxinas un artigo do Consello Local do BNG sobre o proceso selectivo opaco que o goberno do PSOE pretendía levar adiante e que o BNG esixiu paralizar. Polo seu interese reproducímolo a seguir de xeito íntegro.

Volvemos ao pasado?

O BNG esixiu ao goberno local do PSOE a paralización dun proceso selectivo para un auxiliar administrativo en Servizos Sociais. Entendemos que o feito de non publicar a convocatoria en ningún diario e tan só de xeito parcial na web do Concello incidiu negativamente na transparencia do proceso, de forma que moita xente que podería estar interesada no posto de traballo non se enterou, ademais doutros vicios que denunciamos (pode verse o escrito íntegro na nosa web).

O BNG esixiu por rexistro a inmediata paralización do proceso e o seu reinicio con todas as garantías legais. Tamén presentamos unha moción no último pleno para esixir ao goberno do PSOE que cumpra con todos os requirimentos legais nas contratacións de persoal de todo tipo que realice o Concello, sinaladamente no relativo a criterios de publicidade. A moción tamén esixe garantir a presenza nos procesos selectivos dos órganos representativos dos traballadores municipais- excluídos polo PSOE no proceso que ven de recorrer o BNG (tal vez porque tamén pediron parar o proceso?).

O PSOE cometeu un erro ao levar adiante o proceso sen publicidade, e cometeu un erro maior ao non rectificar cando o BNG o advertiu

Cando decidimos dar o noso apoio á investidura do alcalde fixémolo, entre outras cousas, para acabar coa forma de contratar persoal municipal que tiña o PP- que en algún caso aínda está diante da Fiscalía. O goberno do PSOE cometeu un erro de calado ao levar adiante o proceso selectivo sen publicidade e cometeu un erro maior cando non o corrixiu tras as advertencias do BNG (moi ao contrario, afirmou que era un proceso pouco menos que exemplar).

Cando se ten un goberno coma o actual, conformado por persoas que estiveron vinte anos de forma ininterrompida gobernando a nosa cidade, eses erros semellan de todo menos casuais ou froito da falta de experiencia no goberno. Retranca aparte, parece demostrado que esta forma de conducirse do goberno de Ramón García bebe directamente da actitude prepotente dos peores anos da maioría absoluta do PSOE. Un mal precedente ao inicio do mandato, sobre todo para un goberno en minoría.

O comportamento do goberno local bebe da actitude prepotente dos peores anos da maioría absoluta do PSOE

O BNG sempre defendeu a igualdade para todas e todos no acceso ao emprego publico e rematar cos privilexios que en Betanzos tiveron sempre determinadas “familias”. Defendemos acabar con este tipo de prácticas que no fondo supoñen a mesma política de manter os privilexios duns poucos a costa dos dereitos de todas e todos que irmandan a PSOE e PP.