"O que é de tod@s, non é de ninguén?", artigo sobre contratas e responsabilidades

"O que é de tod@s, non é de ninguén?", artigo sobre contratas e responsabilidades

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

"PSOE e PP pactaron e aliáronse para validar case 700.000 euros de facturas procedentes de gastos por fora do orzamento, de contratos ‘a dedo’ irregulares, de favorecer con cartos públicos a unhas empresas e non a outras e un longo etcétera de irregularidades que tod@s imos fartos de escoitar. O PP cambiou de discurso e postura porque o PSOE accedeu a dar por boas as irregularidades do PP. PSOE e PP puxéronse de acordo noutra cousa: evadirse das súas responsabilidades. "

Betanzos, 10 de xullo de 2014. A todas as casas de Betanzos está a chegar xa un novo número do xornal "Betanzos e a súa comarca", que edita ACEBE-CCA. Nas súas páxinas hai un artigo de opinión do noso portavoz municipal. Nel, Henrique del Río reflexiona sobre as concesionarias do Concello, os pagos que non fan e as contratas irregulares do goberno local e de como PSOE e PP pactan para encubrilas e non asumir as súas responsabilidades. Polo seu interese reproducímolo de seguido integramente.

O que é de tod@s, non é de ninguén?

Dixo Saramago que “somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos, sen memoria non existimos e sen responsabilidade quizais non merezamos existir”. Unha frase que reflicte a dignidade de toda persoa que asumir as consecuencias da súa conduta. Ben, un dos problemas é que nos cargos públicos, ao servizo de tod@s, esta dignidade perdeuse até o punto de que nos chama a atención mesmo pensar en alguén que asuma esas consecuencias polos seus erros. O normal é pensar só en escorrer o vulto ou nos intereses propios esquecendo todo o demais.

O BNG propuxo o lóxico, que as persoas responsábeis respondan co seu patrimonio. PP e PSOE acordaron impedilo

Isto agrávase cando falamos de cartos públicos, porque como son de tod@s parece que non son de ninguén e non importa o que pase con eles. Exemplos de todo isto temos no noso Concello nos últimos anos.

A ORA e o guindastre xestiónaos unha empresa privada. Esta empresa non lle pagou ao concello un só euro en mais de 10 anos. No mesmo caso o Hotel San Roque, que é unha concesión dun edificio público e polo que o Concello tampouco ingresou nunca nin un euro. Se o alcalde ou a anterior alcaldesa ou calquera d@s concelleir@s non cobraran nin un euro do seu soldo actuarían con esa despreocupación?

Máis exemplos, todo canto pagamos no recibo da traída e o saneamento vai parar aos petos da empresa concesionaria. O Concello ingresará en todo este ano, segundo a previsión do PSOE, 3500 euros pola traída e 300 polo saneamento. De canto pagamos por ir á piscina ou aos distintos cursos do polideportivo o Concello só ingresará, no mellor dos casos e coas contas do PSOE, 7500 euros. O resto levarao todo a empresa concesionaria. A mesma pregunta, se non fosen cartos de tod@s manteriamos unha sociedade que nos dá eses beneficios?

Sería lóxico esperar que os responsábeis asumiran os seus erros e se responsabilizaran destas decisións, ou falta de decisión nalgún caso

Ben, e unha vez que todo este panorama se fixo público o lóxico sería un cambio para buscar o mellor para os intereses do Concello, ou o que é o mesmo de tod@s nós. Tamén sería lóxico esperar que os responsábeis asumiran os seus erros e se responsabilizaran destas decisións, ou falta de decisión nalgún caso. Pero non, todo o contrario.

No Pleno de xuño, PSOE e PP pactaron e aliáronse para validar case 700.000 euros de facturas procedentes de gastos por fora do orzamento, de contratos ‘a dedo’ irregulares, de favorecer con cartos públicos a unhas empresas e non a outras e un longo etcétera de irregularidades que tod@s imos fartos de escoitar. O PP cambiou de discurso e postura porque o PSOE accedeu a dar por boas as irregularidades do PP. E o PSOE vai para tres anos que cambiou de discurso porque o que antes criticaba agora lle parece o mais correcto.

PSOE e PP puxéronse de acordo noutra cousa: evadirse das súas responsabilidades. Nos propuxemos o lóxico, que as persoas responsábeis respondan co seu patrimonio. PP e PSOE acordaron impedilo.

"O que é de tod@s, non é de ninguén?", artigo sobre contratas e responsabilidades