Del Río: "quen cambia habitualmente de criterio nas terrazas e noutros temas é o PSOE"

Del Río: "quen cambia habitualmente de criterio nas terrazas e noutros temas é o PSOE"

O grupo municipal do BNG

“O PSOE pasou de amagar con levar ao xulgado unha terraza ilegal na praza de Domingo Etcheverría cando estaba na oposición a paralizar o expediente, deixar que caducase e legalizala de feito”.

Betanzos, 19 de xullo de 2013. “Quen ten acostumada á veciñanza con dicir unha cousa e facer a contraria non é precisamente o BNG, senón o goberno municipal do PSOE”, asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O BNG saíu así ao paso das acusacións do PSOE sobre a postura do BNG na amnistía fiscal das terrazas do Campo.

O 15 de novembro de 2011 o pleno aprobou unha emenda do BNG para modificar as taxas das terrazas. Ata aquela altura, as taxas especiais por terrazas durante agosto cobrábanse en todo o municipio en función das tres categorías de establecementos previstos na ordenanza reguladora. “Esta taxa supoñía que os bares con terraza de Montellos ou da Ribeira pagarían 30 veces mais pola terraza que outro mes calquera cando non vían incrementada a súa actividade”, explican desde o BNG.

“O BNG propuxo que pagaran a taxa normal, porque un bar con terraza en Guiliade non saca beneficio ningún das festas que se celebran na praza do Campo”, explicaron os nacionalistas “no Campo é onde o Concello fai o gasto nas verbenas, concertos, globo e pirotecnia das festas de agosto e tamén onde ven incrementados os beneficios de forma moi importante e polo tanto, entendemos que é onde teñen que contribuír de maneira especial no mes de agosto”.

Ademais, o BNG opúxose desde o primeiro momento a construír con fondos públicos as polémicas terrazas de obra dos Soportais do Campo e votou en contra tanto das bases do concurso “a medida para que só puidesen concorrer a el os hostaleiros dos Soportais” como da adxudicación destas estruturas. “Estragouse un plan anticrise nunha ocorrencia e agora se rachan as canalizacións de auga ou saneamento o Concello terá que indemnizar aos hostaleiros”, lembra Del Río, “ademais o que non pode ser é que se tiren cartos públicos en facer unhas terrazas para negocios privados e xa vai a segunda que se levanta porque os propios negocios non as queren”.

“Quen si cambiou de criterio con respecto ás terrazas é o PSOE”, ironiza o voceiro do BNG. “Pasaron de criticar a obra dos Soportais a adxudicar a súa explotación e de criticar que o PP permitise explotar as terrazas sen contrato a tolerar isto mesmo nun caso, e sen cobrar por ela”, recorda.

“O PSOE pasou de amagar con levar ao xulgado unha terraza ilegal na praza de Domingo Etcheverría cando estaba na oposición a paralizar o expediente, deixar que caducase e legalizala de feito”, indica o voceiro do BNG. “E pasaron de defender que os tributos tiñan que ir en función da capacidade económica de cada quen a dar por boa a política do PP e aprobar unha amnistía fiscal no Campo”, apunta.

“Nós non imos entrar na política do ‘e ti máis’ que se traen o PSOE co PP e viceversa, iso deixámosllo todo a eles”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Pero ao goberno local éralle ben mellor preocuparse da xente que para iso goberna no Concello, en lugar de preocuparse tanto do BNG”, recomendou.

Del Río: "quen cambia habitualmente de criterio nas terrazas e noutros temas é o PSOE"