Del Río: “Por que o que vale para as orquestras non serve para as rúas ou os xardíns?”

Del Río: “Por que o que vale para as orquestras non serve para as rúas ou os xardíns?”

O BNG exixe ao goberno local do PSOE que paralice as contratacións que prepara de xeito fragmentado para evitar o concurso público.

Betanzos, 12 de abril de 2013. O BNG celebrou o cambio de criterio anunciado polo goberno local do PSOE con respecto á contratación de servizos para o Concello. “Alegrámonos de que por fin o goberno local nos faga caso e convoque un concurso público para contratar, neste caso, os servizos das orquestras das festas”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Mais o alcalde debera dar unha explicación inmediata, clara e convincente de por que o que serve para as orquestras non serve para amañar as beirarrúas ou os xardíns”, indicou.

Os nacionalistas discrepan co PSOE en que o concurso que acaba de anunciar o goberno local sexa pioneiro, xa que “o BNG leva facéndoo anos alí onde goberna” e tampouco é “nada raro no Estado español como se pode ver buscando un pouco en internet”.

Por este motivo, desde o BNG exixiron ao goberno local do PSOE que paralice as contratacións que prepara de xeito fragmentado para evitar o concurso público. “A semana pasada anunciaron unha contrata para cortar a herba dos xardíns oito meses” indicou o voceiro do BNG, “se o PSOE está decidido a privatizar a área de xardíns e medio ambiente, que sexan valentes, saquen un concurso público coa totalidade dos traballos e asuman as consecuencias”. “A quen se pretende beneficiar fraccionando os contratos para evitar que todas empresas e autónomos poidan presentarse en igualdade a un concurso público?”, pregunta.

Do mesmo xeito, Del Río reclama ao executivo do PSOE que aclare por que evita sacar a concurso público todas as actuacións de reparación de vías públicas e continúa asignándollas “a dedo” ás empresas que elixen. “Quen sae beneficiado con este comportamento?” preguntan, xa que entenden “normal que a xente teña a mosca detrás da orella”. Insisten en que o Concello ten no seu cadro de persoal vinte operarios para estes cometidos.

“Desde logo o Concello e a veciñanza non saen beneficiadas con este proceder”, indica o nacionalista, que entende que “un concurso público é máis transparente, polo tanto a xente pode controlar mellor as decisións, permite máis concorrencia de ofertas e polo tanto garante que se contraten as mellores prestacións e os prezos máis axustados”. “O que non pode ser é que se venda o concurso como marabilloso para as orquestras pero se vete para os servizos que a veciñanza precisa a diario”, censuran desde o BNG. “Que é o que busca o goberno local realmente actuando dun xeito ou outro en cada caso?”, preguntan.

“O PSOE está facendo cos contratos do Concello o mesmo que facía o PP e que eles criticaban: dar os contratos “a dedo” fraccionándoos para evitar o concurso público”, insiste o voceiro do BNG. “O alcalde, cando estaba na oposición, falaba de ‘fraude de lei’ cando criticaba ao PP e agora fai o que cuestionaba”. “Criticaron que a ORA e o guindastre funcionasen sen contrato cando o Secretario advertiu desto e dous anos despois manteñen estes servizos sen contrato”, lembrou. “Quen se beneficia desta situación?”, preguntouse.

Del Río: “Por que o que vale para as orquestras non serve para as rúas ou os xardíns?”