Del Río: “Se o PSOE solucionase o lío do Complexo San Roque mellor lle iría á veciñanza”

Del Río: “Se o PSOE solucionase o lío do Complexo San Roque mellor lle iría á veciñanza”

Henrique del Río intervén nun Pleno

“Se o PSOE ten probas de que mentimos e que o Concello cobra o que o contrato establece e ademais a concesionaria paga a Facenda, á Seguridade Social e aos empregados desde logo están tardando moito en publicalas para deixarnos en evidencia”

“Dicimos que a ORA funciona sen contrato porque a lei prohibe as prórrogas tácitas e porque o secretario di nun informe que leva anos incumpríndose o contrato. Está dicindo o PSOE que o secretario minte nun documento público?”

Betanzos, 6 de novembro de 2014. O BNG asegurou que “en todo momento usamos como base da nosa moción e as nosas afirmacións sobre a investigación do estado da concesión e aluguer do Asilo Manuel Naveira o contido do informe do secretario”. “De feito dicimos textualmente o que nel se afirma e ven confirmar canto diciamos na nosa moción do pasado mes de xuño”, engade Henrique del Río, voceiro nacionalista.

Por este motivo, os nacionalistas pregúntanse se cando o PSOE os acusa de mentir neste asunto “o PSOE quererá dicir que o secretario minte nos datos do seu informe, porque esa é unha acusación moi grave”. “Nós, desde logo, podemos demostrar que canto dixemos sobre este contrato figura no informe, pero se o PSOE ten probas de que mentimos e que o Concello cobra o que o contrato establece e ademais a concesionaria paga a Facenda, á Seguridade Social e aos empregados desde logo están tardando moito en publicalas para deixarnos en evidencia”, abundou Del Río.

Se o PSOE ten probas de que mentimos e que o Concello cobra o que o contrato establece e ademais a concesionaria paga a Facenda, á Seguridade Social e aos empregados desde logo están tardando moito en publicalas para deixarnos en evidencia

“En caso contrario, éralle ben ao PSOE deixar de poñerse en evidencia e empezar a tratar de amañar os problemas coas concesionarias que elixiu no seu día para que os cartos que teñen que achegar ao Concello repercutan en máis e mellores servizos para a veciñanza”, advertiu. Segundo o edil do BNG, “no goberno local do PSOE están máis ocupados en matar ao recadeiro que en solucionar os problemas que eles mesmos crearon”.

Neste sentido, o concelleiro nacionalista considerou “surrealista afirmar que calquera persoa que foi concelleira entre 2003 e 2007 poida ser responsábel de que unha década despois a concesionaria non pague o que o contrato establece”. “É bastante inconsistente asegurar que unha persoa que foi concelleira entre 2003 e 2007 poida ser responsábel sequera dunha concesión que o PSOE acordou en solitario en 1997, e co voto en contra do BNG”, abundou.

“O contrato establece que a concesionaria debería pagar a renda desde o ano 2009 e os responsábeis de non reclamalo serán os gobernantes que Betanzos tivo desde entón”, explica. “E se a día de hoxe segue sen cobrarse, resulta obvio que o responsábel será o actual goberno local”, aseguran. “En todo caso, gobernos do PP e do PSOE nos que non hai ninguén do BNG, aos que o PSOE pretende cargarnos o morto”, indica. “Desde logo, se tiveramos unha bola de cristal para predicir o futuro fariamonos ricos”, ironizou.

“Non dan contado os tiquets da ORA porque o BNG os escondeu no seu local”

“Non precisamos mentir para facer política e se o goberno local ten que chegar ás descualificacións será porque non ten argumentos mellores que ofrecer”, asegurou o voceiro do BNG diante das acusacións do PSOE. “O contrato da ORA era de cinco anos e logo ten prórrogas tácitas anuais, que a Lei prohibiu expresamente hai anos”, engade. “Polo tanto, non hai contrato, e non hai mentira no que dicimos” abundou.

Dicimos que a ORA funciona sen contrato porque a lei prohibe as prórrogas tácitas e porque o secretario di nun informe que leva anos incumpríndose o contrato. Está dicindo o PSOE que o secretario minte nun documento público?

“Ademais, o informe do secretario que o PSOE usou para levar á alcaldesa do PP á Fiscalía di claramente que o contrato se está incumprindo desde hai anos”, engadiu. “Está o PSOE dicindo que o secretario mentiu nese informe?” insiste.

“En todo caso o goberno do PSOE terá que aclarar por que canta explicación dá sobre a ORA é que leva contanto tiquets desde o pasado mes de febreiro”, insiste. “Debe ser porque o BNG ten os tiquets escondidos no noso local”, ironizou Del Río. “Se o goberno local se dedicase a solucionar o tema e deixase de acusar de nada aos demais mellor lle iría á veciñanza de Betanzos”, concluíu.

Del Río: “Se o PSOE solucionase o lío do Complexo San Roque mellor lle iría á veciñanza”