Del Río: “a proposta de orzamentos do PSOE é a de máis clientelismo e privatizacións”

Del Río: “a proposta de orzamentos do PSOE é a de máis clientelismo e privatizacións”

Henrique del Río e Antonio Fafián, do Consello Local, nunha comparecencia pública

As subvencións ‘a dedazo’ subirán 11 000 euros con respecto ao orzamento de 2012.

No caso do cemiterio supón consolidar a privatización do servizo e noutros casos aumentar o beneficio das empresas contratadas a costa do emprego público.

Non hai un só euro para a reconstrución da Casa Gótica nin para o copago dos medicamentos.

Betanzos, 23 de maio de 2014. O BNG valorou esta mañá a proposta de orzamentos remitida polo PSOE o pasado dia 16. O voceiro nacionalista comezou lamentando que non fose elaborada contando coa participación da veciñanza “senón de costas aos veciños e veciñas como nos ten afeitos o goberno local do PSOE nesta lexislatura”.

As subvencións ‘a dedazo’ subirán 11 000 euros con respecto ao orzamento de 2012

O voceiro nacionalista, Henrique del Río, cuestionou o incremento das subvencións que o goberno do PSOE prevé dar “a dedo” ás entidades que o propio goberno designe. “Segundo o cadro de convenios, as subvencións a dedo pasarán a 100 405,33 euros, pero segundo as distintas partidas do orzamento ascenden a 126 788,59”, explicou. “Ou non saben sumar ou hai algo que non contan, pero o certo é que no mellor dos casos as subvencións ‘a dedazo’ subirán 11 000 euros con respecto aos 94 600 do orzamento de 2012”, engadiu. “Mentres, as subvencións ás que todas as entidades poden concorrer en igualdade de oportunidades terán só 25 000 euros para repartirse entre todas as entidades e para bolsas de estudos tan só hai 26 000 euros. Está ben claro que o clientelismo e a compra de vontades con cartos públicos é a prioridade do PSOE”, censurou.

Incremento do gasto en festas

Desde o BNG cuestionaron tamén que a partida específica para as festas de agosto medre en 10 000 euros con respecto a 2012. “Se lle sumamos outros gastos en festexos e a da Feira Franca Medieval poñémonos en 250 000 euros, algo inadmisíbel coa que está caendo”, indicou Del Río. “O PSOE deixa claro que as súas preocupacións céntranse en festas mentres as necesidades das persoas que están sufrindo a crise non merecen incremento nos seus investimentos”, lamentou.

Privatización de cemiterio, mantemento e xardinería

Os nacionalistas criticaron tamén que servizos coma o cemiterio, mantemento viario, xardíns ou asistencia a dependentes pasen a depender por completo de empresas privadas. “Suprímese o orzamento para manter persoal público e eses cartos diríxense a contratar empresas privadas. No caso do cemiterio supón consolidar a privatización do servizo e noutros casos aumentar o beneficio das empresas contratadas a costa do emprego público”, censurou.

O correlato desto é que, comparando o recorte nos salarios do persoal municipal nos distintos programas do orzamento, semella que haberá quince traballadores menos no Concello. “Son datos estimados en base ao gasto en salarios porque non hai unha proposta de RPT que bote luz sobre se as prazas son realmente amortizadas”, explicou o edil nacionalista. “O problema é que se se eliminan estas cantidades do orzamento logo si que será imposíbel incrementar o gasto en persoal para cubrir estas prazas”, engadiu.

Nin reconstrución da Casa Gótica nin copago

O voceiro do BNG asegurou, ademais, que o PSOE mentiu reiteradamente á veciñanza xa que “ningún dos seus anuncios ‘estrela’ teñen reflexo ningún nesta proposta de orzamentos. “O anuncio de reconstruír a Casa Gótica con cargo a fondos municipais non ten un só euro no orzamento que o avale”, engadiu.

Acontece o mesmo co anunciado copago farmacéutico que non ten tampouco respaldo orzamentario. O goberno local publicitou no mes de febreiro un incremento do 700% nas axudas de emerxencia social cando a realidade e que estas axudas diminúen á vista do orzamento. “Parécenos gravísimo que se faga electoralismo coa necesidade nun momento terríbel para moitos veciños e veciñas como o que estamos vivindo” censurou o voceiro do BNG. “No 2012 a partida era de 35 000 euros e nos orzamentos de 2014 é de 25 000, nós a iso chamámoslle recorte”, ironizou Del Río. “O peor é que o PSOE creou unha expectativa á xente que o precisa e xogou coas necesidades da xente para facer electoralismo con algo que non estaba disposto a cumprir”, censurou.

Non hai un só euro para a reconstrución da Casa Gótica nin para o copago dos medicamentos

Ademais, asegurou, “non hai nin un só euro para dotar de fondos o cacarexado plan de igualdade nin para políticas contra a violencia machista”. “Ao PSOE encántalle o de ir de feminista en campaña electoral pero á hora de trasladar os compromisos aos orzamentos esquécelle todo”, ironizou.

“Este orzamento podía telo feito perfectamente o PP, de feito fixo un así en 2008”, asegurou o portavoz municipal do BNG. “Destrución de emprego público, privatizacións e clientelismo, moito vai ter que cambiar o documento para recibir o voto do BNG”, advertiu. “O lóxico con estas contas é que o PSOE busque un entendemento co PP, probando a grande coalición xa que fan o mesmo”, engadiu. “Os veciños e veciñas que apoiaron ao BNG votaron outra forma de entender a política e non os imos defraudar”, concluíu.