Del Río:“é mentira que non haxa locais baleiros, si que os hai, é unha cuestión de vontade política"

Del Río:“é mentira que non haxa locais baleiros, si que os hai, é unha cuestión de vontade política"

O BNG exixiu ao goberno local do PSOE que ceda un local á asociación Mirabal de vítimas da violencia machista.

Betanzos, 4 de outubro de 2012. O BNG exixiu hoxe ao goberno local do PSOE que execute o acordo que se adoptou no último Pleno e ceda un local á asociación Mirabal de vítimas da violencia machista. Nunha intervención conxunta do BNG coa presidenta da asociación, Ana Saavedra, Victoria Louro, candidata do BNG ao Parlamento de Galiza, explicou: “O BNG e a asociación Mirabal concordamos no dereito de todas as mulleres a vivir nun mundo sen violencia”, e incidiu na denuncia da indefensión á que están sometidas as mulleres en xeral, e as vítimas de violencia machista en particular.

“De nada vale, que agora que estamos nunha campaña electoral, todas as persoas que participen como candidatos fagan declaracións grandilocuentes e se posicionen de cara á galeria en contra da violencia se despois non se toma ningunha medida concreta para visibilizar esta lacra social”, engadiu a candidata do BNG.

Henrique del Río, portavoz do BNG en Betanzos e candidato do BNG ao Parlamento de Galiza, explicou que o PSOE ten unha actitude completamente hipócrita neste tema. “Escúdase en que non hai ningún local social libre, cando realmente o problema é que non hai vontade política de tomar medidas contra a violencia machista nin en materia de igualdade”, indicou Del Río, “é mentira que non haxa locais baleiros, si que os hai e a maioría dos que están ocupados están infrautilizados, xa que só se utilizan unhas horas algúns días”.

O candidato nacionalista acusou ao PSOE preocuparse dos temas de igualdade só de cara á galeria. "Aprobaron un plan de igualdade, sen consignar un só peso no orzamento, como pon de manifesto o BNG nas súas alegacións, e abriron un buzón de igualdade para recoñecer que non iban a aceptar ningunha das suxerencias que nel se fagan”, engadiu Del Río. “A realidade é que en Betanzos non hai ningún interese por poñer en marcha verdadeiras políticas en temas de igualdade”, asegurou. O BNG presentou unha alegación aos orzamentos municipais para que os 20 000 euros que se gastan en manter unha figura coma a raíña das festas se invistan en políticas de igualdade.

Ana Saavedra, presidenta da asociación Mirabal, indicou que “a súa asociación fai un traballo complementario aos servizos sociais, como acompañamento e asesoramento das vitimas e necesita un local para atender debidamente esta función”. Asegurou sentirse completamente abandonada polas institucións, nomeadamente polo goberno local do PSOE “só pedimos o uso dun local para poder atender ás mulleres que precisen o noso apoio, non é un problema de cartos senón de interese. Non é o goberno local quen para decidir que tipo de local precisamos, se nos decimos que mellor que nada nos conformamos cun local compartido, non entendemos porque o goberno local ten que decidir por nós”, concluiu.

Del Río:“é mentira que non haxa locais baleiros, si que os hai, é unha cuestión de vontade política"