Del Río escribe sobre a reforma constitucional de PP e PSOE

"Bastou con que a señora Merkel e o señor Sarkozy chamasen a capítulo para facer unha reforma express da Constitución sacrificando a soberanía e o autogoberno. A autonomía financeira das comunidades autónomas convértese en papel mollado e a política, en lugar de regular os mercados, sométese á súa permanente chantaxe".

Del Río escribe sobre a reforma constitucional de PP e PSOE

"Bastou con que a señora Merkel e o señor Sarkozy chamasen a capítulo para facer unha reforma express da Constitución sacrificando a soberanía e o autogoberno. A autonomía financeira das comunidades autónomas convértese en papel mollado e a política, en lugar de regular os mercados, sométese á súa permanente chantaxe".

Betanzos, 7 de setembro de 2011. O número de setembro do xornal 'Betanzos e a súa comarca' recolle nas súas páxinas un artigo do Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, sobre a reforma constitucional pactada por PSOE e PP. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.

O pobo é quen máis ordena

Desde 1978 PSOE e PP opuxéronse sistematicamente a reformar a Constitución, aínda que fose para adaptala aos tempos. Negaron continuamente revisar a existencia da Coroa, mantiveron as obsoletas Deputacións para acubillar aos seus cadros e evitaron calquera reforma que recoñecese que Galiza, Euscadi e Cataluña son tres nacións máis que coexisten coa española dentro do mesmo Estado. O Senado segue sen ser unha cámara de representación territorial e as provincias seguen sendo a circunscrición electoral porque é a división que máis réditos electorais reporta ás dúas forzas do sistema.

Pero agora bastou con que a señora Merkel e o señor Sarkozy chamasen a capítulo para facer unha reforma express da Constitución sacrificando a soberanía e o autogoberno. A autonomía financeira das comunidades autónomas convértese en papel mollado e a política, en lugar de regular os mercados, sométese á súa permanente chantaxe.

Pero ademais, a reforma constitucional do PPSOE nega ao pobo, que aínda din soberano, a capacidade de decidir. Dixo un alto cargo do PSOE, partido no goberno, que un referendo sobre a reforma constitucional- isto é, a expresión democrática dos pobos que compoñen o Estado- xera “incertidume” nos mercados. E sacrifican a democracia para “constitucionalizar un dos principios ideolóxicos máis duros do neoliberalismo” (palabras dun deputado do PSOE). Co goberno de coalición de PSOE e PP, prevalece o criterio dos especuladores sobre o das persoas que compomos este Estado.

A reforma constitucional do PPSOE converte nun mandato constitucional a política neoliberal e unha alternativa, sequera socialdemócrata, é anticonstitucional. E iso que estamos a ver as consecuencias que a ríxida política de redución do gasto público provoca ás persoas en situación máis desfavorecida e no deterioro de servizos públicos básicos, como a sanidade, os servizos sociais ou o ensino e a súa nula contribución para a recuperación económica.Se os gobernos non poden recorrer a un moderado déficit para garantir a prestación de servizos (algo que xa Keynes defendía e que fixo Alemaña para financiar a súa reunificación) o equilibrio financeiro virá por forza dos recortes. E a economía neoliberal indica tamén onde hai que recortar: prestacións sociais, sanidade e ensino públicos, recorte de pensións e prestacións por desemprego... Estamos ante o paradoxo de que unha crise producida polo dominio dos ultraliberais reforza aínda máis o propio ultra-liberalismo.

O PPSOE amordaza á xente para que non poida decidir sobre a norma que rixe todo o noso sistema. Róubanlle á xente a capacidade de decidir, porque seica non dá confianza nos mercados. PSOE e PP reeditan unha especie de despotismo ilustrado onde renden a democracia e a política, os gobernos que eliximos, ante especuladores que ninguén elixe.

Por cuestións de forma e de fondo, no BNG opoñémonos a esta reforma express. Así o dixemos no Congreso votando en contra, nas rúas convocando concentracións ou no Senado convocando a todos os senadores que non son do PPSOE para forzar un referendo constitucional que tombe unha norma feita a medida para os especuladores que nos meteron na crise. Porque o pobo é quen máis ordena e porque hai alternativa ao que nos queren impoñer coma lei, o 20 de novembro o apoio ao BNG servirá para levantar unha alternativa ao PPSOE.

Del Río escribe sobre a reforma constitucional de PP e PSOE