Del Río: "as consecuencias desta reforma van ser terribles para os concellos"

Del Río e Jorquera nun momento do acto

“A reforma constitucional pactada por PSOE e PP compromete os servizos basicos que prestan os concellos”.

Del Río: "as consecuencias desta reforma van ser terribles para os concellos"

“A reforma constitucional pactada por PSOE e PP compromete os servizos basicos que prestan os concellos”.

Betanzos, 19 de setembro de 2011. Henrique del Río, portavoz do BNG no Concello de Betanzos, explicou hoxe nun acto público as consecuencias que a reforma constitucional pactada por PSOE e PP vai ter para os concellos. No transcurso do acto tomaron tamén a palabra a deputada do BNG no Parlamento de Galiza Ana Luísa Bouza e o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera.Henrique del Río explicou que “a reforma constitucional pactada por PSOE e PP compromete os servizos basicos que prestan os concellos” e pode levar a un certo “descontrol dentro das finanzas municipais” debido a que conlevará “obras adxudicadas ás que lle vai desaparecer o financiamento, tramitacións en marcha anuladas, etc.”

O voceiro do BNG en Betanzos lamentou que PSOE e PP “foron incapaces para poñerse de acordo en suprimir as Deputacións Provinciais”, que cualificou de “entes obsoletos” e censurou que ambos partidos estatais fosen “incapaces de conformar comarcas e áreas metropolitanas que poñan en man común servizos básicos de forma que as economías de escala permitan aforrar custos e así garantizar servizos á xente con independencia dos concellos nos que residan”.

Jorquera empraza aos deputados galegos a asinar a solicitude dun referendo pola reforma constitucional pois esta semana remata o prazo

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, fixo un chamamento este serán en Betanzos aos deputados e senadores galegos para que asinen a solicitude dun referendo pola reforma constitucional, que, entre outras forzas políticas, tamén promove o BNG.

Jorquera realizou estas declaracións durante un acto celebrado no Liceo de Betanzos. Foi taxante en canto á posición do BNG: “suceda o que suceda o que si está claro é que haberá tres parlamentares galegos, os tres do BNG, que apoiarán o referendo”. É preciso lembrar que esta semana, en concreto o xoves 22, remata o prazo estipulado para presentar a solicitude de referendo. Trátase pois da semana decisiva para impedir “unha reforma constitucional feita de costas á cidadanía, sen consultala, a toda presa e evitando siquera un debate pausado e sereno”.

O portavoz do BNG insistiu no “total e absoluto rexeitamento do BNG, tanto polo contido como pola forma antidemocrática” da reforma da Constitución pactada entre PP e PSOE, e que cualificou de “contrarreforma”. Reprochou tanto aos populares e aos socialistas “o total desprezo ás máis elementais formas democráticas, e que ademáis, sacrifiquen a democracia por rendila ás chantaxes dos especuladores”.

Criticou non só a falla de consulta popular senón tamén o feito de que levaran á Cámara unha modificación de tanto calado através dunha “tramitación exprés e limitando o debate”. Outra das vías que abre esta reforma da Constitución é a do autogoberno das CC.AA porque “se está a mermar a súa autonomía financeira sen siquera consultalas.

No aspeito máis filosófico-ideolóxico, Jorquera recalcou que tanto o PP como o PSOE están “a impór un pensamento económico único que é o do neoliberalismo”. Ademáis, advertiu dos perigos a nivel social porque “a limitación do défice aboca ao desmantelamento das políticas sociais e á precarización e privatización dos servizos públicos”. Sen esquecer, que tais límites de défice fan imposíbel a converxencia en benestar social entre o norte e o sur de Europa.

Para o deputado do BNG “estánse deixando de lado outro tipo de alternativas que permitirían garantir os servizos públicos e as prestacións sociais”, e neste sentido aludiu ao capítulo fiscal porque “unha política tributaria xusta e equitativa permitiría unha recadación maior sen necesidad de aplicar recurtes sociais, que parece ser que é o único que saben facer os dous grandes partidos”.

Del Río: "as consecuencias desta reforma van ser terribles para os concellos"