Del Río: “alegrámonos da oferta de emprego público, pero non facía falta esperar ás eleccións"

Del Río: “alegrámonos da oferta de emprego público, pero non facía falta esperar ás eleccións"

O portavoz do BNG, Henrique del Río, e o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, nunha xuntanza

“É unha oferta de emprego público (OPE) insuficiente e aínda encima o goberno do PSOE non a negociou cos representantes dos traballadores”.

“O PSOE nin pensa en cubrir as baixas porque está privatizando servizos”

Betanzos, 10 de febreiro de 2015. O BNG cuestionou que o goberno local aprobase unha oferta de emprego público sen negociar cos representantes legais dos traballadores. “Alegrámonos de que despois de tres anos e nove meses o goberno local, a tres meses das municipais, decida facer unha oferta de emprego público”, explicou del Río. Sen embargo, o voceiro do BNG cualificou esta oferta de insuficiente e criticou que se faga “só para cubrir prazas na policía local”.

“Só ofertan unha praza para promoción interna e outra, ampliábel a dúas, cousa de dubidosa legalidade, todas na policía local” explica. “Hai moitas máis prazas vacantes no Concello sen cubrir, pero esas estanas privatizando”, criticou o voceiro do BNG. “Hai prazas vacantes en servizos básicos como limpeza ou o propio cemiterio” abundou, “xa sabemos que neste momento non se poderían ofertar como prazas fixas pero e que non pensa nin en cubrir as baixas”.

“Unha vez máis o goberno do PSOE sáltase a Lei, porque a oferta de emprego pública ten que se aprobar a máis tardar un mes despois do orzamento, e o orzamento foi aprobado en xullo de 2014 na xunta de goberno local”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Nin sequera foron capaces de aprobala un mes despois da prórroga automática das contas do 2014” lamentou.

Quen sufriu as consecuencias de que non se cubrisen as baixas do persoal municipal foron os veciños e veciñas e os propios traballadores

“É un escándalo que o goberno local leve toda a lexislatura, tres anos, sen cubrir as prazas vacantes na policía local argumentando que non se podía facer por lei e tres meses antes das eleccións, por certo sen que se modificase lei ningunha decida facer unha Oferta de Emprego Público”, criticou Del Río. “Quen sufriu as consecuencias destas políticas foron os veciños e veciñas e os propios traballadores da policía local que tiveron que facer o mesmo traballo con menos compañeiros, mais vese que ao PSOE lle preocupa mais o electoralismo que a calidade dos servizos”, cuestionou.

Ademais, os nacionalistas consideran que esta oferta de emprego público nace condenada a recibir recursos “porque aínda encima de levar as prazas que ao PSOE lle peta, non foi negociada coa representación dos traballadores na mesa de negociación como a lei exixe”. “O PSOE confunde dar conta dunha decisión xa pechada con negociar, cando son cousas moi diferentes”, relata Del Río. “É a liña do PSOE neste mandato, goberno de costas á xente, sen escoitar, sen negociar”, lamenta.

Del Río: “alegrámonos da oferta de emprego público, pero non facía falta esperar ás eleccións"