Recurrimos a contratación do paseo entre A Cañota e Os Caneiros

"O Concello de Betanzos non pode contratar unha obra para facer no municipio do lado, iso é como se a Xunta de Galiza constrúe unha escola en Extremadura”

Recurrimos a contratación do paseo entre A Cañota e Os Caneiros

"O Concello de Betanzos non pode contratar unha obra para facer no municipio do lado, iso é como se a Xunta de Galiza constrúe unha escola en Extremadura”

Betanzos, 10 de xaneiro de 2017. O BNG presentou esta mañá un recurso en contra da licitación, por parte do Concello de Betanzos, das obras do paseo do Mandeo por investir cartos de Betanzos no Concello de Coirós. “O Concello de Betanzos non pode contratar unha obra para facer no municipio do lado, iso é como se a Xunta de Galiza constrúe unha escola en Extremadura” explicou o portavoz municipal das nacionalistas, Henrique del Río.

“Unha parte do percorrido desta senda transcorre polo término municipal de Coirós, onde o Concello de Betanzos non é competente para actuar como unha administración pública”, explica o voceiro do BNG. “E polo tanto, entendemos que o Concello de Betanzos non pode contratar e executar unha obra pública no municipio colindante”, engade.

O recurso presentado polas nacionalistas tira da Lei de réxime local para deixar claro que “o término municipal é o territorio en que o Concello exerce as súas competencias”. “A parroquia de Armea, pola que pasa parte da senda que pretende construír o goberno municipal de Betanzos, non está dentro do municipio betanceiro”, remarcan.

Isto fai que, tanto segundo a Lei de contratos do sector público como segundo a Lei de procedemento administrativo, tanto a aprobación do proxecto de obra como a licitación dun paseo que sobarda os límites do municipio betanceiro poidan ser nulos de pleno dereito por estar “dictados por órgano manifiestamente incompetente por razón da materia ou do territorio”.

As nacionalistas solicitan, polo tanto, que o Concello de Betanzos revise os acordos que levaron a ter en licitación actualmente este paseo xa que o consistorio betanceiro non pode actuar no municipio colindante de Coirós. Nese mesmo sentido, demandan que se anule mesmo a aprobación do proxecto por parte do Pleno- co único voto en contra do BNG- en agosto de 2014.

O orzamento non contempla unha partida para financiar este paseo

As nacionalistas indican, ademais, que o orzamento municipal en vigor, o pactado en 2016 por PSOE, BN e CxG actualmente prorrogado, non contempla ningunha aplicación orzamentaria coa cantidade precisa para financiar este contrato de máis de medio millón de euros. “A lei tamén di claramente que son nulos os contratos que non teñan o respaldo orzamentario suficiente”, recorda Del Río. “Unha de dúas, ou hai algunha modificación do orzamento que non se comunicou ao Pleno para incluír isto ou é nulo”, indica.

Xuntanza coas entidades ecoloxistas que cuestionaron o proxecto

As nacionalistas celebraron onte unha xuntanza coas entidades ecoloxistas que asinaron un proxecto alternativo ao do goberno local en 2014 para valorar os pasos a seguir desde que o PSOE sacou a licitación o proxecto sen incorporar ningunha das achegas destas entidades, que o farían menos agresivo co medio. O recurso presentado esta mañá é a primeira destas medidas.

Recurrimos a contratación do paseo entre A Cañota e Os Caneiros