Propuxemos un banco de locais comerciais dentro do plan de dinamización do comercio

Imaxe da reunión virtual do BNG de Betanzos coa directiva de ACEBE a pasada semana
Imaxe da reunión virtual do BNG de Betanzos coa directiva de ACEBE a pasada semana

A función principal deste banco de locais é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan un local, así como dar garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso deses baixos por parte do Concello

Propuxemos un banco de locais comerciais dentro do plan de dinamización do comercio

Betanzos, 21 de abril de 2020. O BNG propuxo un plan para dinamizar o comercio local, que incluiría un banco de locais comerciais entre outras medidas, para apoiar ao pequeno comercio na saída desta crise do coronavirus. “Levamos desde o ano 2011 insistindo na necesidade de que o goberno local deseñe un plan de apoio ao pequeno comercio, un sector estratéxico para Betanzos, pero agora parécenos imprescindíbel que se tomen medidas de apoio para un sector que está sufrindo o máis duro da crise provocada pola pandemia do coronavirus”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.

Así, Del Río insiste nunha das propostas recollidas do programa electoral dos nacionalistas e aposta por “crear un banco de locais comerciais baleiros e en desuso que se oferten en réxime de aluguer accesíbel, como lle explicamos aos membros da directiva de ACEBE na nosa reunión virtual con eles a pasada semana”, engadiu.

"A función principal deste banco de locais é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan un local, así como dar garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso deses baixos por parte do Concello" explica o voceiro nacionalista. A proposta baséase no deseño e funcionamento do Banco de Terras de Galiza, unha iniciativa que no seu día puxera en marcha o BNG para mobilizar terra agraria en desuso. “O aval, a garantía do cobro da renda é importante para as persoas propietarias dos baixos, pero funciona como un respiro para os comerciantes neste momento”, abunda.

Ademais, Del Río apela á necesidade de levar a cabo políticas fiscais desde as distintas administracións (Concello, Xunta de Galiza e Goberno central) en beneficio do sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios. Tamén propón promover o consumo no pequeno e mediano comercio como opción responsábel, con campañas municipais de concienciación e de estímulo, con medidas que interrelacionen a compra no pequeno e mediano comercio coa hostalaría e que primen a adquisición da produción local. “Unha marca de calidade, ‘Feito en Betanzos’, serviría para indicarlle á veciñanza que está a adquirir produto local, outra maneira de empuxarmos entre todas a saír desta crise sen deixar atrás ás nosas veciñas”, engade o nacionalista.

“Vemos necesario que o goberno empece a traballar xa nunha modificación dos orzamentos para reforzar as partidas de servizos sociais e dinamización económica”, concluíu o portavoz nacionalista. “Nós ofrecémonos a aportar solucións e propostas para redistribuír o gasto, pero para iso precisamos tamén saber que gasto hai comprometido até agora para poder facer un traballo serio, pero poñémonos a disposición da alcaldesa para facer canto na nosa man estea”, conclúe o voceiro do BNG.

Propuxemos un banco de locais comerciais dentro do plan de dinamización do comercio