Propuxemos aos demais grupos asinar conxuntamente a moción da CIG sobre o convenio colectivo municipal

Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG

A proposta das nacionalistas é apoiar tal cal a proposta remitida pola Intersindical Galega a todos os grupos da Corporación. "Pensamos que unha proposta conxunta sería a fórmula máis correcta e que daría máis forza"

O BNG propón tratar do mesmo xeito outra proposta remitida ao Concello pola CRMHC en apoio á querela arxentina aos crimes franquistas.

Propuxemos aos demais grupos asinar conxuntamente a moción da CIG sobre o convenio colectivo municipal

A proposta das nacionalistas é apoiar tal cal a proposta remitida pola Intersindical Galega a todos os grupos da Corporación. "Pensamos que unha proposta conxunta sería a fórmula máis correcta e que daría máis forza"

O BNG propón tratar do mesmo xeito outra proposta remitida ao Concello pola CRMHC en apoio á querela arxentina aos crimes franquistas.

Betanzos, 22 de novembro de 2016. O BNG propuxo aos restantes grupos da Corporación presentar de forma conxunta a moción remitida pola CIG do Concello de Betanzos demandando que se aprobe definitivamente o convenio colectivo municipal. A proposta das nacionalistas é apoiar tal cal a proposta remitida pola Intersindical Galega, que denuncia que o convenio, aprobado no pleno de 28 de abril de 2015 e asinado novamente o pasado 20 de xuño de 2016, aínda non foi ratificado para que entre en vigor. “O convenio en vigor é o de 2006, con todo o que supón guiarse por un documento de hai dez anos”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

CIG e BNG coinciden en cuestionar a contratación dunha empresa privada para negociar o convenio en 2014. “Este proceso resultou pésimo non polo resultado en si mesmo, que é froito dun proceso de negociación, senón pola mala xestión e as continuas demoras da empresa adxudicataria do contrato para a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo, Galivalia, que derivou no asesoramento dun proceso de negociación do Convenio colectivo que se podería ter levado a cabo perfectamente entre os representantes do persoal e do goberno municipal sen intermediarios se o goberno tivese a vontade necesaria, máis aínda tendo en conta que a meirande parte do traballo de propostas e correccións foi realizado polos propios representantes do Comité de Empresa” explica a exposición de motivos da moción.

Á vista disto, cuestionan que novamente o executivo local privatizase a “asistencia técnica e xurídica no deseño, confección e implantación efectiva dunha RPT e un Plan de ordenación de RRHH no Concello de Betanzos, anos 2016-2019, cun custo superior aos trinta mil euros, cando na actualidade aínda non se finalizou a tramitación do convenio colectivo, polo que se lle pagaron a outra empresa de asesoramento máis de vinte mil euros”.

Por este motivo, a moción que o sindicato nacionalista remitiu a todos os grupos da Corporación e que o BNG propón presentar de maneira conxunta demanda ao goberno local que finalice “a tramitación do expediente do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos, asinado o pasado 20 de xuño de 2016” e que o presente a aprobación plenaria “coa maior brevidade posíbel”.

Moción conxunta en apoio da querela arxentina aos crimes do franquismo

O BNG tamén propuxo aos outros grupos da Corporación asinar de maneira conxunta a proposta remitida ao Concello pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en apoio á querela contra os crimes do franquismo. Propón “iniciar –en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e cantos grupos, entidades e cidadanía en xeral queiran sumarse– os traballos para a preparación desa querela criminal que consistirán, basicamente, na consolidación do relato de feitos a través de testemuñas e calquera outro tipo de documentación, así como afondar na argumentación xurídica”.
 
Do mesmo xeito proponse “dar traslado do presente Acordo ao Xulgado Nacional do Criminal e Correccional Federal nº1, de Buenos Aires, República Arxentina, a cargo da xuíz María Servini de Cubría, para que produza os efectos que procedan na Querela 4591/2010, nomeada “N.N. por xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade cometidos en España pola ditadura franquista”.
 
“Tendo en conta que, no ano 2013 o pleno xa aprobou unha moción similar a iniciativa nosa, e que os grupos que entraron desde aquela na Corporación manifestaron o apoio a investigar os crimes do franquismo, cremos que sería máis lóxico presentala como unha moción institucional ou, cando menos, conxunta de non acadar unanimidade” explicaba o voceiro do BNG, Henrique del Río, na proposta remitida aos restantes grupos políticos da Corporación.