Propoñemos un regulamento para Radio Betanzos e os outros medios de comunicación municipais

Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG

“Levamos anos propondo que haxa un consello plural para a radio, coa Corporación e con colectivos sociais, para garantir a participación social e o pluralismo que os medios públicos de comunicación teñen que ofrecer”

“o que vimos defendendo desde hai décadas para Radio Betanzos é perfectamente aplicábel aos soportes dixitais tamén: información veraz, respecto a todos os puntos de vista, garantía do pluralismo político e social e participación”

Propoñemos un regulamento para Radio Betanzos e os outros medios de comunicación municipais

“Levamos anos propondo que haxa un consello plural para a radio, coa Corporación e con colectivos sociais, para garantir a participación social e o pluralismo que os medios públicos de comunicación teñen que ofrecer”

“o que vimos defendendo desde hai décadas para Radio Betanzos é perfectamente aplicábel aos soportes dixitais tamén: información veraz, respecto a todos os puntos de vista, garantía do pluralismo político e social e participación”

Betanzos, 24 de novembro de 2018. O BNG demandará no Pleno un regulamento para os medios de comunicación de titularidade municipal para poñer fin ao uso partidista que deles fai o PSOE. Neste sentido, recordan que mesmo a información que ofrece o executivo local nestes soportes dista, por veces, de ser veraz. “Non se trata de cousas onde o vaso se pode ver medio baleiro ou medio cheo segundo quen mire, senón de mentiras flagrantes para defender unha postura partidista”, explican desde o BNG.

“A web municipal e as redes sociais do Concello, que todas mantemos cos nosos tributos, só ofrecen o punto de vista do goberno local e mesmo se permiten descualificar a quen discrepamos coa súa versión de determinados feitos”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. Del Río insiste en que “sen acceso á información pública e sen rendición de contas non hai unha democracia plena”.

“Substituír información por propaganda é empobrecer a democracia, ademais de furtarlle á veciñanza o seu dereito a coñecer e controlar que fai o goberno local cos seus cartos”, engade. “O primeiro, polo tanto, é ofrecer directamente a información, sen intermediación, sen condicionar ou seleccionar o que se pon a disposición da veciñanza”, resalta. “Temos decenas de acordos nese sentido, ordenanzas e leis que se incumpren, o que evidencia que, de non haber vontade, aprobar acordos e publicar normativa é un exercicio de propaganda sen un traslado real no modo de dirixir o Concello nin, moito menos, de informar lealmente á veciñanza” lamenta.

Por este motivo, as nacionalistas demandarán no Pleno que se presente un regulamento para garantir a pluralidade nos medios de comunicación que o Concello ten e que se regule a emisora municipal para reabrila como unha radio comunitaria. “Desde que o PSOE fixo a remuda na alcaldía, o goberno local decidiu deixar de emitir os plenos na radio, poñendo unha escusa técnica cando preguntamos polo motivo”, explican as nacionalistas.

“Levamos anos propondo que haxa un consello plural para a radio, coa Corporación e con colectivos sociais, para garantir a participación social e o pluralismo que os medios públicos de comunicación teñen que ofrecer” explica Del Río. “Defendemos que calquera entidade poida ter acceso aos medios de comunicación públicos, que calquera poida dar a súa opinión a través deles, e que a información municipal que ofrezan sexa rigorosa, de calidade informativa” explica. “É algo inherente á propia idea de democracia a estas alturas de século”, ironiza.

“E o que vimos defendendo desde hai décadas para Radio Betanzos é perfectamente aplicábel aos soportes dixitais tamén: información veraz, respecto a todos os puntos de vista, garantía do pluralismo político e social e participación”, abunda. “É o xusto xa que son cartos públicos e non podemos consentir que se usen para facer propaganda do goberno de turno, sexa cal sexa” conclúe Del Río.

Propoñemos un regulamento para Radio Betanzos e os outros medios de comunicación municipais