Propoñemos que o pleno lembre a Irmandade da Fala de Betanzos

Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG

As nacionalistas pedirán no Pleno que se instale na fachada na que tiveron a súa sede unha placa que homenaxee de xeito público e permanente á Irmandade da Fala e se organice un ciclo que poña en valor o traballo da Irmandade da Fala a prol da normalización do idioma e a igualdade das mulleres.

Propoñemos que o pleno lembre a Irmandade da Fala de Betanzos

As nacionalistas pedirán no Pleno que se instale na fachada na que tiveron a súa sede unha placa que homenaxee de xeito público e permanente á Irmandade da Fala e se organice un ciclo que poña en valor o traballo da Irmandade da Fala a prol da normalización do idioma e a igualdade das mulleres.

Betanzos, 22 de maio de 2017. O vindeiro 23 de outubro cumpriranse cen anos da fundación da Irmandade da Fala de Betanzos. Por este motivo, o BNG pedirá no Pleno que se instale na fachada ou ante a casa na que tiveron a súa sede, o antigo número 22 dos Soportais do Campo, unha placa que homenaxee de xeito público e permanente á Irmandade da Fala.

As nacionalistas recordan que a Irmandade betanceira publicou a revista Rexurdimento, retomou a organización dos Xogos Florais de Betanzos e conseguiron que ondease a bandeira galega no balcón da Casa Consistorial, que a Banda Municipal dese a coñecer o Himno Galego ou que o Concello demandase a autonomía integral para Galiza, ademais de darlle ao idioma categoría e dignidade, así como popularizar os símbolos do país entre a veciñanza.

Por este motivo, propoñen que xunto á colocación da placa, o Concello organice un programa de actividades que inclúa a colaboración de centros de ensino, asociacións e entidades para poñer en valor o traballo da Irmandade da Fala a prol da normalización do idioma e a igualdade das mulleres.

A Irmandade betanceira organizou “conferencias e recitais, creou un coro e un cadro de declamación e promoveu un concurso literario de obras teatrais para darlle realce e prestixio ao idioma na nosa cidade” indican desde o BNG. “Coma lexítimas continuadoras e herdeiras de máis de cen anos de movemento nacionalista principiado precisamente coas Irmandades da Fala, botamos en falta un esforzo por poñer en valor o contributo da Irmandade da Fala na política de memoria e honras públicas do noso municipio” engade Del Río.

“En 2015 pediamos, nunha moción a este Pleno, que o Concello respaldase a declaración de 2016 coma Ano das Irmandades da Fala, demandando divulgar e poñer en valor a propia historia deste movemento no noso municipio” recordan, indicando que en Betanzos foi un ciclo de conferencias e a publicación online do arquivo da Irmandade. “Falta facer un esforzo por achegarlle á veciñanza o que supuxo contarmos cunha Irmandade da Fala en Betanzos, e o centenario da Irmandade local pode ser un bo momento para sacala á rúa definitivamente”, conclúe Del Río.