Propoñemos no pleno negociar a adquisicion da fabrica da luz para evitar a súa desaparición

A candidatura do BNG ante a Fábrica da Luz
A candidatura do BNG ante a Fábrica da Luz

“O BNG sembre defendeu a proteción e adquisición deste inmoble para, tras a súa rehabilitación, acoller un complexo cultural no que teñan cabida locais para asociacións, dependencias para actividade cultural e recreativa, espazos de convivio e de posta en valor do propio edificio e a súa historia”.

Propoñemos no pleno negociar a adquisicion da fabrica da luz para evitar a súa desaparición

“O BNG sembre defendeu a proteción e adquisición deste inmoble para, tras a súa rehabilitación, acoller un complexo cultural no que teñan cabida locais para asociacións, dependencias para actividade cultural e recreativa, espazos de convivio e de posta en valor do propio edificio e a súa historia”.
 
Betanzos, 24 de xuño de 2017. O BNG propoñerá no Pleno do vindeiro martes que goberno local e a división inmobiliaria de Gas Natural inicien as conversas para buscar unha vía que garanta a posta en valor e uso público da fábrica da luz. O voceiro nacionalista, Henrique del Rio, lembra que o Bloque Nacionalista Galego defende desde hai anos “a proteción e adquisición deste inmoble para, tras a súa rehabilitación, acoller un complexo cultural no que teñan cabida locais para asociacións, dependencias para actividade cultural e recreativa, espazos de convivio e de posta en valor do propio edificio e a súa historia”.
 
Neste sentido, recorda que ao longo dos anos foron moitos os acordos plenarios aprobados sobre a protección deste inmoble modernista proxectado por Rafael González Villar, os máis deles promovidos polo BNG. “Os sucesivos gobernos locais resistíronse a executar algún dos numerosos pronunciamentos aprobados por sucesivas Corporacións até este ano, coa solicitude, incompleta (xa que Patrimonio demandou máis documentación), de inclusión do mesmo no catálogo do patrimonio industrial de Galiza” recorda.
 
Desde o BNG lembran que hai un mes a empresa propietaria solicitaba licenza de demolición do edificio, amparándose en que o propio goberno local lle demandara garantir a seguridade coas actuacións que fosen precisas. Por este motivo, as nacionalistas propoñerán tamén no Pleno que o goberno local requira á empresa que “manteña o edificio nunhas condicións mínimas de conservación que garantan que esta parte do patrimonio non desaparece”.
 
As nacionalistas explican que o Concello ten múltiples vías para poder acadar este fin, tanto mediante as conversas que a empresa ofrecía en 2015 e negociar a adquisición do edificio ou, “no caso de se negar, e á vista do obvio interese público, iniciar un procedemento de expropiación forzosa”. “Cremos, igualmente, que o Concello ten posibilidades de financiamento para logralo: desde a venda ou permuta da parcela no polígono que o propio alcalde valoraba empregar o pasado 20 de febreiro, a disposición de crédito nos orzamentos ou o recurso a operacións de débeda para investimento” recordan.
 
Por este motivo, propoñerán tamén que se inclúa nos orzamentos a contía precisa para garantir a conservación e uso público do inmoble. Resaltan que hai un triple interese público máis que evidente: evitar o edificio enriba da ponte nova que o planeamento prevé, conservar o patrimonio e conseguir dotacións socioculturais para paliar parcialmente o déficit que ten o barrio da Madalena.