A prioridade do goberno do BNG será a creación de emprego

Os nacionalistas presentan medidas concretas para loitar contra o paro desde o Concello

A prioridade do goberno do BNG será a creación de emprego

Os nacionalistas presentan medidas concretas para loitar contra o paro desde o Concello

Betanzos, 17 de maio de 2011. O BNG impulsará o Centro de Formación Ocupacional municipal cunha programación axustada á demanda do mercado, e buscarase a homologación de novas especialidades en sectores onde haxa realmente demanda no mercado: novas tecnoloxías, novas profesións, oficios vinculados á rehabilitación... “No contexto de crise económica, o goberno local ten que implicarse a fondo na creación de emprego”, indicou o candidato do BNG á Alcaldía, Henrique del Río.

“Cómpre aprobar o Plan Xeral para ter máis solo industrial e potenciar o papel da Axencia de Desenvolvemento Local para acadar a instalación en Betanzos de novas empresas”, explicou o candidato nacionalista. O BNG comprométese ademais crear un viveiro de empresas mediante a oferta municipal de locais adecuados, de baixa renda, por un tempo determinado, até que se consoliden as novas iniciativas dos das persoas emprendedoras.

O goberno do BNG dará un impulso decidido ao Centro Comercial Aberto como única alternativa viábel para a supervivencia do pequeno comercio. En consecuencia, limitarase a implantación de grandes superficies comerciais debido ao seu impacto negativo sobre o pequeno comercio. “O comercio é un sector clave da economía local”, indicou Henrique del Río, que explicou que o goberno do BNG colaborará coas organizacións de comerciantes e hosteleiros na dinamización e promoción da cidade e aplicará plans coordinados de promoción do turismo e do comercio local, a fin de estimular a actividade comercial de Betanzos.

Henrique del Río asegurou que o goberno que el presida a partir do 22 de maio impulsará a creación dunha rede de pequenos estabelecementos hoteleiros de calidade, baixo unha marca que os distinga e identifique, no Casco Histórico e o seu contorno. “Para isto teremos en conta a creación de empresas con participación pública”, afirmou.

O BNG tamén aposta pola creación de emprego en servizos públicos locais, como vía para crear emprego estábel e dirixido aos sectores de poboación que presentan taxas máis altas de desemprego (mulleres, mozas e mozos). De igual forma, entre as propostas do BNG para a creación de emprego figura a programación de escolas obradoiro e casas de oficio, así como de centros especiais de emprego para a promoción e inserción laboral de persoas diminuídas.