Presentamos cun photocall as nosas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval

Del Río: “A aposta polo propio, polo que nos fai diferentes, é o camiño para posicionar Betanzos, tanto entre as festas medievais como todo o ano: o patrimonio e a historia é o que nos fai únicos”

Presentamos cun photocall as nosas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval

Del Río: “A aposta polo propio, polo que nos fai diferentes, é o camiño para posicionar Betanzos, tanto entre as festas medievais como todo o ano: o patrimonio e a historia é o que nos fai únicos”

Betanzos, 6 de xullo de 2017. O BNG presentará cun photocall as súas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval. Quen se achegue a coñecer as propostas das nacionalistas poderá retratarse como a soldadeira María a Balteira, o escribán e líder irmandiño Xohán Branco ou o frade copista e tradutor Fernán Martíns. “Escollimos tres persoaxes betanceiras de grande trascendencia para a historia de Galiza que non son lembrados na Feira Franca”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Precisamente o de poñer en valor persoeiros do medievo é un dos argumentos que o BNG leva trasladando vinte anos á comisión de festas para facer máis singular a festa de recreación histórica. “A aposta polo propio, polo que nos fai diferentes, é o camiño para posicionar Betanzos, tanto entre as festas medievais como todo o ano: o patrimonio e a historia é o que nos fai únicos”, insiste Del Rio.

Neste sentido, o BNG tamén decorou a súa sede comarcal, como outros anos, para a viaxe á Idade Media. “Betanzos, capital do reino de Galiza” é o lema dun estandarte que decora a fachada xunto coa reprodución dun dos escudos máis antigos que se conservan do país, situado na betanceira Porta da Vila. “A Historia da cidade e do país debería ser a base desta festa de recreación histórica, e non os tópicos de Hollywood sobre a Idade Media con cortes señoriais, bailes cortesanos e torneos”, explican desde o BNG. 

As nacionalistas achegarán as súas propostas nun orixinal díptico que leva unha breve biografía tamén da Balteira, Xoán Branco e Fernán Martíns. Será na rúa da Torre, baixo a sede comarcal, o venres de 19 a 21 h e o sábado de 12:30 a 14h.

A participación da veciñanza, clave para distinguirse das demais feiras medievais

O BNG propón crear incentivos para que a veciñanza participe na propia festa, alén de se vestir de época ou participar nas escenas teatrais que coordina o Concello. Neste sentido, propoñen a reserva de rúas para xantares populares, concursos de baixos decorados, concursos de receitas medievais, licores, fotografía, o propio cartel anunciador da festa, etc e mesmo fomentar que a veciñanza se vista de época durante o evento coa organización previa de obradoiros de patronaxe ou concurso e premios para deseños ou reproducións de vestimentas de códices ou sartegos da época que se representa. Suxiren, ademais, implicar ao comercio na decoración do Casco Histórico.

Ademais, as nacionalistas propoñen singularizar máis a Feira Franca coa presenza de elementos da cultura galega que complementan a temática histórica da festa coma un folión de carros do país, a representación dalgún traballo do agro da comarca, ou abrir o recinto da festa ata os peiraos medievais da Ponte Vella cun encontro de embarcacións tradicionais.

Do mesmo xeito, propoñen incluír un espazo para xogos e deportes tradicionais galegos como chave, billarda, bolos celtas, etc e para darlle pulo á vertente máis cultural da festa recuperar o ambiente das cantigas de amigo e escarnio coa convocatoria duns xogos florais neotrobadorescos.

 

 

Presentamos cun photocall as nosas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval