O Pleno, a instancias do BNG, esixe á Xunta que se faga cargo da axuda no fogar

Os concelleiros do BNG, Henrique del Río e María Otero, coa deputada Ana Luísa Bouza (centro), nunha comparecencia sobre servizos sociais
O Pleno, a instancias do BNG, esixe á Xunta que se faga cargo da axuda no fogar

“O PP está creando un intermediario ao trasladar esta responsabilidade ás Deputacións para dotalas de contido ante unha opinión pública que exixe a súa desaparición”.

Betanzos, 25 de abril de 2012. O BNG denunciou no pleno o “desmantelamento dos servizos sociais por parte da Xunta do PP”. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, acusou ao PP de “abandonar as competencias da Xunta e impoñerllas, por decreto e sen financiamento aos Concellos”.

Os nacionalistas cuestionan que a Xunta traslade o financiamento do servizo de asistencia no fogar ás Deputacións, “sen fixar cantidades nin porcentaxes concretas de forma que colaborarán o mesmo achegando un euro que cen mil”, resumiu graficamente Del Río.

Incremento do copagamento e incidencia na destrución de emprego

O decreto 99/2012 aprobado pola Xunta de Galiza supoñerá, ademais, que os concellos teñan que incrementar os fondos que destinan ao servizo de axuda no fogar porque o goberno galego reduce a súa asignación. “Ademais, exixe un incremento do co-pagamento por parte das persoas usuarias”, denuncia o voceiro nacionalista, que considera que “non son estas persoas as que teñen que soportar o custo da crise”, senon que “o xusto é que pague máis quen máis ten”. “As medidas da Xunta poden significar que moitos concellos opten por deixar de emprestar o servizo e polo tanto tamén terán unha incidencia no incremento do paro”, advirte.

O mantemento do servizo de axuda no fogar pasa por comarcalizalo

Para o BNG “o PP está creando un intermediario ao trasladar esta responsabilidade ás Deputacións para dotalas de contido ante unha opinión pública que exixe a súa desaparición”. “Baleiran de competencias ao goberno galego dentro da recentralización que está a levar o PP desde o goberno central”, denuncia o BNG.

“Os concellos de menos de 20 000 habitantes quedarán sen fondos para a asistencia no fogar básica”, indicou Del Río, que entende que “a alternativa pasa pola comarcalización do servizo, como propón o BNG”. A medida, segundo os nacionalistas, vai detrás da redución de fondos do plan concertado de servizos sociais que a Xunta do PP decidiu en novembro, ao pasar de 31254,64 euros a cantidade que percibiu Betanzos en 2010 aos 4121 do 2011, “un recorte do 87%”, indican.

O Pleno, a instancias do BNG, esixe á Xunta que se faga cargo da axuda no fogar