O Pleno aproba a nosa moción demandando a devolución do Pazo de Meirás

Ocupación simbólica das Torres de Meirás pedindo a súa devolución
Ocupación simbólica das Torres de Meirás pedindo a súa devolución
O Pleno aproba a nosa moción demandando a devolución do Pazo de Meirás

“Se a Deputación da Coruña e os concellos foron parte esencial no expolio de Meirás, é lóxico que sexan base da súa devolución e da loita contra a impunidade”

“Queda aínda moito por facer nesta cidade para reparar a memoria das represaliadas, para restituírlles a súa honra pública e para retirar todos os recoñecementos aos xerarcas fascistas que aínda os manteñen”

Betanzos, 1 de setembro de 2017. O Pleno aprobou a moción do BNG para que o Concello de Betanzos se sume á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás. As nacionalistas recordan que o Pazo foi adquirido mediante requisas forzosas de parte do salario de traballadores públicos entre os que estaban os funcionarios do Concello de Betanzos. “Se a Deputación da Coruña e os concellos foron parte esencial no expolio de Meirás, é lóxico que sexan base da súa devolución e da loita contra a impunidade” indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Unha asociación coma a Fundación Franco non pode trasladar unha información veraz do acontecido durante a ditadura nin en Meirás nin no conxunto de Galiza, toda vez que non só lexitima a dictadura senón que a promove e defende abertamente” censura o voceiro do BNG, Henrique del Río. A moción do BNG, que saíu aprobada coa abstención do PP, demandaba que o Concello amose o seu rexeitamento a que a Fundación Francisco Franco sexa a encargada de xestionar as visitas guiadas do público ao Pazo de Meirás en aplicación da Lei de Patrimonio Cultural. “Unha fundación que ten como fin o ensalzamento do franquismo e o negacionismo respecto das vitimas do seu xenocidio, non debe facer parte de ninguna xestión pública e moito menos para convertir o Pazo de Meirás nun parque temático para fecer apoloxía da Dictadura e do Dictador” censuran.

Escoita aquí o debate da moción

O BNG tamén propuxo que “as concelleiras e concelleiros que conformamos esta Corporación expresemos o repudio e desagrado coas declaracións públicas da Familia Franco e da Fundación”. “É un insulto á memoria e ás vítimas da ditadura fascista, mais tamén á dignidade de Galiza, que esta entidade que ten como fin loubar a figura e o pensamento do ditador e xenocida sexa quen xestione as visitas deste  Ben de Interese Cultural” censuran as nacionalistas.

Por este motivo, o BNG ven de anunciar que denunciará ante a UE e a ONU á Fundación Franco por facer apoloxía do franquismo na súa xestión das visitas ao pazo de Meirás. Ademais, o BNG remitirá ao Parlamento galego unha lei de Memoria Histórica para o recoñecemento e reparación de todas as vítimas do franquismo. Entre os puntos desta lei figuran anular os xuízos da ditadura e devolver Meiras ao pobo.

“Hai moito que facer en Betanzos para reparar ás vítimas”

Logo de anunciar o seu apoio á moción os grupos que sustentan ao goberno local, PSOE, BN e BeC, o voceiro do BNG demandou o cumprimento da Lei de Memoria Histórica en Betanzos. “Queda aínda moito por facer nesta cidade para reparar a memoria das represaliadas, para restituírlles a súa honra pública e para retirar todos os recoñecementos aos xerarcas fascistas que aínda os manteñen”, indicou Del Río. “Agradecemos que respalden esta moción, mais en Betanzos teñen moito que facer para poñer fin á impunidade da dictadura”, concluíu.