O BNG PEDIRÁ AO PLENO DO CONCELLO QUE INSTE Á XUNTA DE GALIZA, COMO ADMINISTRACIÓN CON COMPETENCIAS EN MATERIA SANITARIA E DE SAÚDE PÚBLICA, A ESTABELECER UN SISTEMA DE ACCESO AOS SISTEMAS DE PROTECCIÓN DUN XEITO CONTROLADO E SEGURO

Pediremos no Pleno que se garanta o acceso a máscaras protectoras de toda a veciñanza que precisa saír á rúa estes días

Henrique del Río, é o portavoz do BNG de Betanzos
Henrique del Río, é o portavoz do BNG de Betanzos

Os nacionalistas proporán tamén no Pleno demandar do goberno do Estado a derrogación da Lei Montoro que impide que o superávit dos concellos se poida destinar os recursos dos concellos a políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica

Pediremos no Pleno que se garanta o acceso a máscaras protectoras de toda a veciñanza que precisa saír á rúa estes días

Betanzos, 25 de abril de 2020. O BNG pedirá no Pleno virtual que se celebrará o vindeiro martes que se garanta o acceso de toda a veciñanza que precisa saír á rúa estes días a máscaras protectoras. “O goberno do Estado ten posto en marcha un sistema de reparto de máscaras para achegar ás persoas que deban desenvolver a súa actividade laboral que se despracen á mesma en transporte público colectivo”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río,  “sen embrago este tipo de repartos son ineficaces no noso concello, fundamentalmente pola inexistencia na práctica dunha rede de transporte público que sexa utilizada polas traballadoras e traballadores como medio de desprazamento”.

“A solución artellada por algúns concellos da nosa comarca de achegar máscaras directamente á poboación non resolve esta cuestión, ao non estar priorizadas as persoas que as precisan nestes momentos por ter necesidade de saír das súas vivendas e non sendo tampouco suficiente o reparto dunha máscara dun só uso por persoa”, engadiu.

“Neste sentido, á vista da realidade social e territorial do noso País, cómpre artellar unha solución alternativa na que a administración autonómica xestione e garanta o acceso das persoas que o precisen ao material de protección para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral, evitando que se produzan actitudes de mala provisión das mesmas por parte de persoas ou empresas”, explicou.

“Debe artellarse un sistema de reparto obxectivo e controlado dado que neste momento non existe material suficiente dispoñíbel para garantir o acceso universal da poboación e que debe priorizarse a necesidade obxectiva do mesmo”, indicou o portavoz nacionalista.

Por todo isto o BNG pedirá ao Pleno do Concello que inste á Xunta de Galiza, como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública, a estabelecer  un sistema de acceso aos sistemas de protección -máscaras e luvas fundamentalmente- dun xeito controlado e seguro, evitando que se produzan aglomeracións ou saídas das vivendas coa finalidade de facerse con eles, e garantindo que cheguen a todas aquelas persoas que precisan deste material para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral.

Derrogación da Lei Montoro

Os nacionalistas proporán tamén no Pleno demandar do goberno do Estado a derrogación da Lei Montoro que impide que o superávit dos concellos se poida destinar a gasto corrente. “Nesta situación de grave crise pensamos que é necesario permitir que se  poidan destinar os recursos dos concellos a políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica”, concluíu o portavoz do BNG. 

Pediremos no Pleno que se garanta o acceso a máscaras protectoras de toda a veciñanza que precisa saír á rúa estes días