Pedimos que non se penalicen baño e pesca no porto de Betanzos

Un acto do BNG nos peiraos da Ponte Vella
Un acto do BNG nos peiraos da Ponte Vella

"Non ten sentido sancionar estas actividades, sobre todo cando non resultan molestas nin impiden un tráfico portuario que no noso caso apenas existe, e cinguido exclusivamente a embarcacións de recreo de pequeno tamaño"

O BNG ten demandado nos últimos anos ao executivo local que se dirixira á Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que os peiraos que rodean a cidade precisan

Pedimos que non se penalicen baño e pesca no porto de Betanzos

Betanzos, 31 de xullo de 2018. O BNG propuxo no Pleno que se demande á Xunta de Galiza modificar a lei de Portos polas súas repercusións nas actividades de lecer que se desenvolven no porto de Betanzos. "Hai moitas persoas que practican a pesca deportiva no peirao betanceiro e mesmo que se bañan nese entorno, e a lei de portos sanciona estas actividades", explicou o edil do BNG Henrique del Río.

Neste sentido, as nacionalistas propuxeron pedir á Xunta que se exclúa á pesca deportiva da prohibición de actividades marisqueiras e pesqueiras nas augas interiores do porto. Ademais, pediron igualmente suprimir do réxime sancionador as actividades de baño ou mergullado nas augas interiores do porto e a pesca desde os peiraos ou con calquera tipo de arte nos peiraos e augas portuarias, cando iso non estea expresamente autorizado.

"Non ten sentido sancionar estas actividades, sobre todo cando non resultan molestas nin impiden un tráfico portuario que no noso caso apenas existe, e cinguido exclusivamente a embarcacións de recreo de pequeno tamaño"

"O porto de Betanzos non ten tráfico portuario como para prohibir este tipo de actividades de lecer que de algún xeito son o que lle dan vida", explicou Del Río. De feito, desde o BNG recordan que é utilizado polo clube de piragüísmo para os seus entrenamentos "e moitas veces o alumnado acaba bañándose no entorno". "Non ten sentido sancionar estas actividades, sobre todo cando non resultan molestas nin impiden un tráfico portuario que no noso caso apenas existe, e cinguido exclusivamente a embarcacións de recreo de pequeno tamaño", indica.

O BNG ten demandado nos últimos anos ao executivo local que se dirixira á Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que os peiraos que rodean a cidade precisan

Desde o BNG censuran o "claro afán recadatorio" da lei de portos aprobada polo PP e "por terse realizado de costas ás entidades locais". Del Río recorda que é o Concello de Betanzos quen se ocupa do mantemento do porto e dos seus xardíns, da recollida do lixo e o alumeado, entre outros servizos. "Propoñemos a creación do Órgano de Coordinación Portuario Municipal, onde estarán representados tanto o goberno local como Portos de Galiza para articular as relacións entre a administración portuaria e o Concello para a toma de decisións conxunta sobre o porto en ben da veciñanza", explica o voceiro do BNG.

Amaño de peiraos e instalación de colectores de aceite

O BNG ten demandado nos últimos anos ao executivo local que se dirixira á Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que os peiraos que rodean a cidade precisan, mellorando a seguridade tanto para peóns como para usuarios de embarcacións.

Ademais, o BNG solicitou a reposición do colector de aceites usados que estaba ubicado no porto. Segundo explicaron as nacionalistas, o colector era un servizo importante para os propietarios das embarcacións amarradas tanto no propio porto como nos peiraos dos ríos.