Pedimos ao goberno local que faga un esforzo por programar no Alfonsetti

O voceiro do BNG no Concello e na Deputación nunha xuntanza con entidades culturais betanceiras
O voceiro do BNG no Concello e na Deputación nunha xuntanza con entidades culturais betanceiras

“É lamentábel que busques unha alternativa pensando na veciñanza de Betanzos e nas oportunidades que o cine ofrece, consigas o financiamento e que o día que se firma o compromiso o alcalde diga que aínda así non vai programar porque non lle dá a gana”

Pedimos ao goberno local que faga un esforzo por programar no Alfonsetti

“É lamentábel que busques unha alternativa pensando na veciñanza de Betanzos e nas oportunidades que o cine ofrece, consigas o financiamento e que o día que se firma o compromiso o alcalde diga que aínda así non vai programar porque non lle dá a gana”

Betanzos, 19 de decembro de 2017. O BNG lamentou as declaracións do goberno local negándose a establecer unha programación estábel no Alfonsetti no acto de sinatura do convenio para dotalo de equipamento audiovisual. “Despois de anos utilizando como excusa para ter sen uso o Cine Alfonsetti que non tiña equipamento e de prometer incluír unha partida para mercalo durante os últimos cando menos 7 anos. Finalmente é a area de cultura da Deputación, que goberna o BNG, a que ten que, a través dun convenio, financiar este equipamento” explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Para as nacionalistas, resulta cuestionábel que logo de investir case 600 000 euros en rehabilitar e equipar a sala “o mesmo día que asina o convenio o alcalde afirma sen rubor que vai seguir sen programar no Alfonsetti é dicir que o equipamos para que siga estando pechado”. “Gastar na sala para tela pechada e usala moi de vez en cando é tirar cos cartos e facer que se estrague por falta de uso”, censura o edil do BNG.

“A Deputación ten máis de 700 empregadas, entre laborais e funcionarias, ningunha adscrita ao Teatro Colón, pero aínda así o departamento de Cultura non pecha o Colón, senón que ten unha programación estábel”, explica cun paralelismo Henrique del Río. “O goberno municipal de Betanzos podía facer o mesmo pero non quere, todo é botarlle as culpas a outros”, censura.

Desde o BNG recordan que o PSOE anunciou varias veces desde que recuperou o goberno local en 2011 o equipamento do cine. “Promesas que nunca se cumpriron e que serviron para pechalo cunha excusa”, cuestionan. “É lamentábel que busques unha alternativa pensando na veciñanza de Betanzos e nas oportunidades que o cine ofrece, consigas o financiamento e que o día que se firma o compromiso o alcalde diga que aínda así non vai programar porque non lle dá a gana”, indica Del Río, que reclama ao executivo local que reconsidere a súa negativa a establecer unha programación no teatro.