Pedimos ao goberno local que desista da nova taxa para vehículos residentes

“Para axudar á veciñanza a capear a crise podían suprimir a ORA, como vimos propoñendo desde hai anos”

Pedimos ao goberno local que desista da nova taxa para vehículos residentes

“Para axudar á veciñanza a capear a crise podían suprimir a ORA, como vimos propoñendo desde hai anos”

Betanzos, 2 de novembro de 2017. O BNG demandou ao goberno local que desista de crear a nova taxa de residentes incluída no borrador de ordenanza do servizo de aparcadoiro limitado (ORA). “A proposta do goberno local prevé que para que un coche sexa considerado residente haberá que abonar unha taxa, cando até agora era un trámite gratuíto xa que abondaba estar no padrón fiscal do imposto da rodaxe (IVTM) e solicitar a tarxeta acreditativa”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Neste sentido, as nacionalistas aseguran que “se o que quere facer o goberno local é ‘colaborar con determinados sectores que nos últimos anos se viron afectados pola crise económica e pola constante suba dos carburantes’, como din nos seus comunicados de prensa, podía empezar por non impoñer taxas coma esta”.

“É máis, aparte de non impoñer esta nova taxa para considerar residente un vehículo, para axudar á veciñanza a capear a crise podían suprimir a ORA, como vimos propoñendo desde hai anos”, abunda Del Río. “Sería unha medida de apoio ao pequeno comercio, que ten que competir coas superficies comerciais que dan aparcamento gratis, e á veciñanza en xeral”, engaden.

Descontos en taxas para persoas sen emprego e mocidade

Do mesmo xeito, as nacionalistas suxiren tamén equiparar en todas as ordenanzas relativas a actividades culturais, deportivas ou educativas os descontos por ser persoa en desemprego, mocidade con carné xove ou estudante ou vítimas de violencia machista. “Non é lóxico que nunhas supoña un desconto e noutras non”, explican. “Sería un apoio á veciñanza que menos ten para poder acceder a determinadas prestacións”, engaden.

Todas estas propostas foron remitidas polo BNG ao executivo local xa hai algunhas semanas.

Sen trampa nin cartón: mira ti mesma a ordenanza que crea a nova taxa

O relativo á nova taxa para expedición da condición de vehículo residente está no artigo 4.2.2 desta ordenanza que estivo xa en información pública previa á aprobación inicial.