Pedimos ao goberno local que aclare se mantivo algún tipo de conversa cos Núñez para pechar a proposta que presentou no Pleno o pasado martes

Casa Núñez, deseñada por González Villar, sede da fundacióN CIEC

“Parvas seriamos se non valorasemos que unha entidade coa valía artística, cultural e patrimonial do CIEC teña en Betanzos a súa sé e imparta aquí toda a súa programación formativa, mais isto non impide que botemos en falta un maior vínculo da entidade coa cultura do país e un control público, dado que a maior parte dos fondos para constituíla foron achegados precisamente polo Concello”

Pedimos ao goberno local que aclare se mantivo algún tipo de conversa cos Núñez para pechar a proposta que presentou no Pleno o pasado martes

“Parvas seriamos se non valorasemos que unha entidade coa valía artística, cultural e patrimonial do CIEC teña en Betanzos a súa sé e imparta aquí toda a súa programación formativa, mais isto non impide que botemos en falta un maior vínculo da entidade coa cultura do país e un control público, dado que a maior parte dos fondos para constituíla foron achegados precisamente polo Concello”

Betanzos, 27 de abril de 2018. O BNG pediu ao goberno local que aclare se mantivo algún tipo de conversa cos Núñez para pechar a proposta que o presidente da Fundación CIEC presentou no Pleno o pasado martes. “O goberno local está collendo por norma agachar á Corporación, que é quen representa ao pobo da cidade de Betanzos, a súa actuación en temas que afectan gravemente a toda a veciñanza e mesmo á estabilidade futura do Concello como Administración”, reproba o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“Temos constituídas unha ducia de comisións, ademais de reunirnos na xunta de voceiros e noutro tipo de foros, que convocan case semanalmente para darnos conta de asuntos menores, sen trascendencia para o Concello ou os servizos básicos pero para as cousas de calado como esta non só non se nos convoca, senón que mesmo se nos furta calquera tipo de información”, indica o edil nacionalista. “E a Corporación é a representación da veciñanza”, remarca.

Neste sentido, desde o BNG demandan que se faga público se a proposta presentada no Pleno é o resultado dunha negociación do goberno local cos propietarios da entidade. “E que a secretaría e a intervención informen as consecuencias que pode ter para o Concello asumir esta proposta con todo detalle”, engade.

“Non estaría de máis que o alcalde informase tamén se a Fundación CIEC o convoca ou non aos padroados, xa que o Concello está representado alí por medio del, e dos acordos que adoptou no seo dese organismo”, explica. “Porque do papel que xoga o Concello nunha entidade na que puxo no seu día o 70% do capital fundacional aínda hoxe, 20 anos despois, non se informou nin unha liña a todas as Corporacións que existiron”, engade. “E isto, obviamente, é moi grave”, sostén.

As nacionalistas lembran que a Fundación constituíuse cun capital inicial de 10 762 424 pesetas, das que Jesús Núñez achegou o 30,19% e o Concello o restante 69,80%, segundo a escritura notarial, unhas  7 512 424 pesetas do ano 1997, que virían sendo uns 68.222,47 € de hoxe (segundo a aplicación para actualización de rendas do INE). “Porén, malia ser a principal achega a municipal, o Concello ten un voto no padroado, por 7 votos de integrantes da familia de Jesús Núñez” explican.

“Parvas seriamos se non valorasemos que unha entidade con esta valía artística, cultural e patrimonial teña en Betanzos a súa sé e imparta aquí toda a súa programación formativa” explica o voceiro do BNG, que salienta que está “fóra de cuestión a valía artística do creador da entidade”. “Mais canto antecede non empece que botemos en falta un maior vínculo da entidade coa cultura do país, coa cultura de base, e un control público dado que a maior parte dos fondos para constituíla foron achegados precisamente polo Concello”, puntualiza. “Cremos que debera ter un papel moito máis importante na dinamización cultural de Betanzos e As Mariñas, un proxecto cultural que abra a entidade ao país” explican.

Pedimos ao goberno local que aclare se mantivo algún tipo de conversa cos Núñez para pechar a proposta que presentou no Pleno o pasado martes