A INTERVENCIÓN REALIZADA POLO GOBERNO LOCAL VAI DA FEIRA NOVA ATA O PROPIO CENTRO ESCOLAR, APENAS 800 METROS

Pedimos que se amplíe o camiño seguro escolar

Xuntanza coa ANPA Brigantium no CEIP Vales Villamarín
Xuntanza coa ANPA Brigantium no CEIP Vales Villamarín

“Queda sen sinalizar o trazado que os escolares teñen que facer desde os seus domicilios até a Feira Nova, que ao parecer non está previsto xa que o goberno local só fala de levalo até o Campo”

Pedimos que se amplíe o camiño seguro escolar

“Queda sen sinalizar o trazado que os escolares teñen que facer desde os seus domicilios até a Feira Nova, que ao parecer non está previsto xa que o goberno local só fala de levalo até o Campo”

Betanzos, 26 de setembro de 2019. O BNG pediu no Pleno que o goberno local amplíe o camiño seguro escolar que delimitou recentemente no Carregal. “O goberno botou, desde que o acordou o Pleno en 2013, seis anos para sinalizar este camiño seguro ao CEIP Vales Villamarín”, recorda o voceiro do BNG, Henrique del Río.

A pesar do tempo transcorrido, a intervención realizada polo goberno local vai da Feira Nova ata o propio centro escolar, apenas 800 metros. “Queda sen sinalizar o trazado que os escolares teñen que facer desde os seus domicilios até aí, que ao parecer non está previsto xa que o goberno local só fala de levalo até o Campo”, explica Del Río.

Por este motivo as nacionalistas demandaron ao executivo local prazos concretos para levar o trazado do camiño seguro escolar cando menos até os barrios onde hai unha maior poboación en idade escolar. “Son todo rúas de titularidade municipal, non hai máis motivo de demora que a falta de vontade porque o resto é unha sinxela obra para calmar o tránsito e pintar os sinais nas beirarrúas”, explica o portavoz municipal do BNG.

Camiño seguro ao centro Pai Menni

Outra cousa, segundo o BNG, é delimitar o camiño seguro cara o centro Pai Menni, que tamén acordou a Corporación hai anos. As nacionalistas recoñecen que pode resultar complicado poñer de acordo á Xunta e a Fomento, titulares das estradas polas que cruza o alumnado antes de chegar a vías de titularidade municipal.

“Pero cando menos o que se pode facer é garantir que as beirarrúas no Camiño da Estación son para os peóns combatindo o estacionamento indebido que se tolera e que obriga a residentes e usuarias do centro a botarse á calzada para poder seguir o seu camiño”, relata.