Os orzamentos ed F

Recórtanse os fondos para desenvolvemento e innovación un 5,62%. Os recursos para creación de emprego recórtanse nun 8,12%. Os fondos para comercio baixan entre o 11 e o 12%, os destinados a desenvolvemento empresarial un 13,16%

Os orzamentos ed F

Recórtanse os fondos para desenvolvemento e innovación un 5,62%. Os recursos para creación de emprego recórtanse nun 8,12%. Os fondos para comercio baixan entre o 11 e o 12%, os destinados a desenvolvemento empresarial un 13,16%

Betanzos, 6 de novembro de 2009. O voceiro do BNG no noso Concello, Xabier López, vén de publicar un artigo no número deste mes de novembro do xornal Betanzos e a súa comarca, que edita a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos- Centro Comercial Aberto (ACEBE-CCA). No seu artigo fai unha análise dos primeiros orzamentos da Xunta do PP poñendo de relevo o recorte de fondos para todas as políticas sociais e produtivas. Polo seu interese ofrecémosvolo de xeito íntegro.

Os orzamentos de Feijóo

Agravados –ou se se prefire, redimensionados- polo escenario económico, os debates sobre os Orzamentos Xerais, tanto do Estado como da Comunidade Autónoma, veñen de retratar, ao noso modo de ver, canta diferenza hai entre o que se di e o que realmente se practica dende certas instancias gobernativas. E é que é precisamente nun escenario coma o presente onde se revela de certo o verdadeiro cariz ideolóxico dos gobernos e das forzas políticas que os sustentan. Por vez primeira na historia da nosa Autonomía (e van 28 exercicios económico-financieros) os orzamentos xerais sofren unha diminución en termos totais con respecto aos anos anteriores (isto é, redúcense por vez primeira os recursos públicos dende que temos recursos públicos de noso) o que, obxectivamente, non deixa de ser un dato merecedor dalgunha reflexión máis alá desa pretendida “austeridade” que tanto enche a boca do Presidente da Xunta.

Cando un goberno reduce tan drasticamente o  gasto público (e nunha situación de crise económica), unha de dúas, ou está renunciando a liderar o proceso de recuperación ou é que –en falando de neoliberais- confían en que sexa o sector privado e a patronal os que tiren do carro. Sobre modelos económicos hai opinións para todos os gustos, e cómpre recoñecer que o PP neste punto non engana a ninguén. O problema é cando un se molesta en mirar polo miúdo os documentos e decatarse de que non, de que tampouco, que a retracción do sector público non se corresponde en absoluto cunha aposta pola iniciativa privada.

Cómo explicamos daquela que o gasto para promoción do solo para actividades económicas se reduza nun 16,77%, ou que o destinado a desenvolvemento empresarial o faga nun 13,16%, que o Comercio, a Industria, a Minería ou a Enerxía diminúan os fondos con respecto ao derradeiro orzamento do Bipartito en números que roldan o 11-12%? Cabe outra posibilidade, claro. Que as cifras que arrebola a comparación obedezan a un reequilibrio do gasto, e que os nosos gobernantes decidisen levar a práctica aquilo de preponderar o gasto “eminentemente” social. Con outras palabras: quitar dun lado para poñelo noutro. Pero velaquí que os números volven falar máis do que eles quixeran. Vivenda -22,81%; Normalización Lingüística -19,54%; Deportes -15,49%; Administración local -15,34%; Cultura -14,91%; Promoción do emprego e mercado traballo" -8,12%; Investigación, desenvolvemento e innovación -5,62%; Dinamización económica do medio rural -3,37%, Educación -1,05%; Sanidade -1,02%...

Non sei vostedes, pero a min isto non me encaixa co que continuamente están a dicir dende a TVG ou dende a radio Galega. Ou será que o Feijóo, tan moderno el, vén de inventar un novo modelo económico?
Ps. Cando o Goberno municipal se decidida dunha vez a presentar Orzamentos (seguimos cos do 2008) teremos ocasión de comprobar se executivo galego está a facer escola.