Tres malvad@s atacan Betanzos... Radio Betanzos pública e aberta!

Cómic contra a privatización de Radio Betanzos editado polo BNG
Tres malvad@s atacan Betanzos... Radio Betanzos pública e aberta!

O BNG quedou só no Pleno defendendo o carácter público de Radio Betanzos, fronte ao ataque de PP e CxB, que pretenden privatizala. O PSOE, que anulou a emisora recolocando aos seus traballadores de forma ilegal, gardou un silenzo cómplice.

A radio, como medio de comunicación público, non pode ser tratada coma un custo. É un servizo público. Radio Betanzos debe ser unha alternativa aos grandes grupos de comunicación privados e promover valores como a participación, a libre expresión, o acceso á cultura e a democracia participativa. Debe cubrir un espazo, o da información local ou comarcal que por non resultar rendíbel non está cuberto polos grandes grupos de comunicación.

A infraestrutura está dispoñible e só é cuestión de poñela en funcionamento, de poñela ao servizo do pobo. Só así conseguiriamos amortizar o investimento de 73 092,81 nun novo estudo de radio, feito polo PP en 2011 nas Escolas García Hermanos co plan E. Facelo está na nosa man.

Neste sentido reclamamos a recuperación de Radio Betanzos para os veciños e veciñas e a súa posta en funcionamento para a emitir unha programación realizada, en parte, pola propia veciñanza e a expresión das asociacións e organizacións que compoñen o tecido social de Betanzos.

http://youtu.be/_8NuhgZHX6M

O público debe ser garantía de participación e reflexo da pluralidade da sociedade, por iso propoñemos a creación dunha comisión na que estean representados todos os grupos políticos, as asociaciacións e veciñanza que participen da programación da radio municipal.

Ademais, propoñemos a creación de talleres de radio para espertar o interese polas ciencias da información e polo medio radiofónico nos máis novos, en colaboración cos colexios e institutos de secundaria, que poderían participar, ademais, cos seus propias programas de radio.

Trátase, en definitiva, dunha cuestión de vontade política poñer en marcha un medio de comunicación local público e aberto á participación da veciñanza de Betanzos.

Tres malvad@s atacan Betanzos... Radio Betanzos pública e aberta!