Levamos a Pleno o malestar da veciñanza da Condesa pola tala dun ciprés de grandes dimensións

Un instante da tala
Un instante da tala

O BNG cuestiona que a política sobre parques e zonas verdes do goberno local se limite a “macetas, exactamente igual que a que facía o PP e o PSOE lle criticaba”.

Levamos a Pleno o malestar da veciñanza da Condesa pola tala dun ciprés de grandes dimensións

O BNG cuestiona que a política sobre parques e zonas verdes do goberno local se limite a “macetas, exactamente igual que a que facía o PP e o PSOE lle criticaba”.

Betanzos, 31 de xaneiro de 2018. O BNG trasladou ao Pleno o malestar da veciñanza da Condesa pola tala dun ciprés de grandes dimensións que estaba nas inmediacións da pista deportiva e o parque infantil. “Segundo nos explicaron varias persoas, esta árbore de grande porte era anterior á construción da urbanización segundo habitantes do barrio desde hai décadas” indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“É certo que tiña unhas pólas secas, mais á veciñanza sorprendeulles que logo de anos nese estado de repente o goberno local ordenase talala”, engade. “Polo que sabemos, nin sequera se aplicaron tratamentos para a recuperación da árbore senón que se talou directamente” explican. Desde o BNG indican que a veciñanza demanda que, xa que o goberno botou abaixo esta árbore, cando menos poña outras no seu emprazamento.

Por este motivo, as nacionalistas demandaron ao goberno local que aclare que directrices deu á empresa privada contratada para manter os xardíns. “Cremos que se deberían cambiar e que se debería facer un esforzo en recuperar árbores singulares danadas antes de optar polo fácil”, engaden.

As árbores son tamén patrimonio

“Semella que hai quen non entende que as árbores son tamén un patrimonio a manter”, explican desde o BNG. “Se a decisión, ante o mínimo problema é a tala, é entendíbel que así non teñamos un patrimonio vexetal en consonancia co monumental” apuntan, “non todo se amaña dicindo que de repente todas as árbores das rúas están enfermas, sen máis”.

Desde o BNG cuestionan que a política sobre parques e zonas verdes do goberno local se limite a “macetas, exactamente igual que a que facía o PP e o PSOE lle criticaba”.