Levamos novamente ao Parlamento o paseo entre As Monxas e Os Caneiros

Mini e compañeiras do BNG nun instante da camiñata pola beira do Mandeo
Mini e compañeiras do BNG nun instante da camiñata pola beira do Mandeo

As nacionalistas insisten en que o PSOE betanceiro pretende licitar unha obra no Concello veciño de Coirós.
 

Levamos novamente ao Parlamento o paseo entre As Monxas e Os Caneiros

As nacionalistas insisten en que o PSOE betanceiro pretende licitar unha obra no Concello veciño de Coirós.
 
Betanzos, 23 de xaneiro de 2017. O BNG trasladará novamente ao Parlamento de Galiza o paseo que o goberno municipal de Betanzos promove entre o peirao das Monxas e o lugar dos Caneiros, no veciño municipio de Coirós. O deputado Xosé Luis Rivas, “Mini”, estivo este domingo no roteiro informativo que dez entidades da comarca organizaron para denunciar o impacto desta obra no ecosistema do Mandeo.
 
O proxecto contempla a instalación dunha pasarela pilotada polo monte da fonte dos Ánxeles que, “se ben non está mesmamente dentro da Rede Natura por ficar fóra do deslinde, supón un movemento de terras en solo rústico que sen dúbida terá impacto no medio e dentro da zona incluída na Rede Natura”, explican o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. Neste mesmo sentido, advirten tamén de que a pasarela pilotada pola parte traseira do carrizal de San Xiao “terá un impacto letal para a escribenta das canaveiras, un ave en perigo de extinción que ten unha zona de expansión nesta zona segundo o plan de protección aprobado pola Xunta”, ademais doutros elementos como a excavación na mesma beira do río para facer unha canalización de saneamento dentro do espazo da Rede Natura.

As nacionalistas advirten, ademais, de que o proxecto contempla a construción dun tramo de escolleira mesmo no cauce do río Mandeo, dentro da auga do río no lugar do Regueiro, no Concello de Coirós. “Isto xa ten motivado un recurso contra a licitación das obras promovida polo goberno do PSOE en Betanzos e o anuncio de Coirós de non autorizar esas obras” indica Del Río. O edil lembra, ademais, que a propia Reserva da Biosfera, por medio do GDR, cuestionou tamén este proxecto que se fai sen garantías ambientais na zona núcleo da reserva.

Por este motivo, as nacionalistas levarán o paseo novamente ao Parlamento, para que a Xunta garanta a conservación do espazo natural do Mandeo. O deputado Xosé Luis Rivas, “Mini”, recolleu este domingo as achegas das dez entidades veciñais que se opoñen ao trazado da senda.