Lamentamos que PSOE e PP non estean á altura da veciñanza na conservación do Pasatempo

Un acto do BNG no Pasatempo
Un acto do BNG no Pasatempo

“Nós propomos destinar os cartos do Paseo no Mandeo a un proxecto global de rehabilitación e conservación. É posíbel usar os fondos de obras do POS e achegar tamén fondos municipais vía orzamentos do 2017. Sería un plan de financiamento suficiente, viábel e concreto. Deixémonos de botarnos as culpas uns aos outros e pasemos á acción”

Lamentamos que PSOE e PP non estean á altura da veciñanza na conservación do Pasatempo

Betanzos, 4 de marzo de 2017. O BNG   lamenta que nin socialistas nin populares demostren estar á altura da veciñanza na defensa do Pasatempo. “Uns por outros e a casa sen varrer”, ironizou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, logo de que a Xunta se desentenda do Pasatempo e o presidente da Deputación retire a súa oferta de financiamento. “Hai moita unanimidade no Pleno, cando non hai que pasar das palabras, mais á hora da verdade as palabras non se sosteñen con feitos”, reprocha.

Para as nacionalistas betanceiras non é novidade que o PP se despreocupe polo patrimonio. “Só hai que ver como ten as súas casas do Casco Histórico, que botou seis anos para pedir tres licenzas de rehabilitación”, recorda o edil nacionalista. “Igualiño que os seis anos que andou mareando a perdiz o PSOE para non facer a solicitude de declarar BIC o Pasatempo, supeditando a conservación do patrimonio aos intereses urbanísticos do Carregal”, engade.

As nacionalistas betanceiras critican que a Xunta non comprometa a súa axuda, pero rexeitan que o PSOE se escude nesa negativa e use a resposta da Xunta como “un pretexto para non facer máis que o mínimo”, declarou o concelleiro do BNG Henrique del Río.

“Seguimos esperando a convocatoria da comisión do Pasatempo”

Desde o BNG atribúen idénticas responsabilidades a populares e socialistas: "o PSOE di estar moi preocupado polo Pasatempo, pero nin convocou a comisión do Pasatempo”. E a pesar de que se recoñeza a necesidade da protección xurídica para o Pasatempo, as nacionalistas consideran prioritario conservar o que hai. Remiten ao caso da Casa Gótica, como un exemplo de como “a protección sobre o papel non garante nada se falla o resto”, explica.

“Seis anos para tramitar o BIC é un despropósito e tememos que chegue tarde de máis”.

“Ademais, que dean o diploma de BIC ou que a Xunta axude ou non a conseguilo agora mesmo é algo relativamente secundario, porque corremos o risco de que cando por fin chegue, se é que o piden por rexistro algún día, non quede Pasatempo que conservar”; ironiza Del Río.

En definitiva, as nacionalistas lamentan que PSOE e PP estean máis ocupados en evadir as súas responsabilidades que en buscar solucións para o Pasatempo. O BNG declara que "é hora dun compromiso real de financiamento para as obras no Pasatempo, que esixe o entendemento entre PP e PSOE”.

Unha proposta factíbel de recuperación

“Nós propomos destinar os cartos do Paseo no Mandeo a un proxecto global de rehabilitación e conservación. É posíbel usar os fondos de obras do POS e achegar tamén fondos municipais vía orzamentos do 2017. Sería un plan de financiamento suficiente, viábel e concreto. Deixémonos de botarnos as culpas uns aos outros e pasemos á acción”, declaran desde o BNG.