Lamentamos que o PSOE impoña o "parking express" no Casco Histórico na nova ordenanza da ORA

Del Río nunha praza do Casco Histórico
Del Río nunha praza do Casco Histórico

“Insistimos en substituír a ORA por un sistema gratuíto de rotación para o estacionamento para que o centro comercial aberto de Betanzos poida competir coas grandes superficies comerciais, que dan aparcamento gratis á clientela”.

Lamentamos que o PSOE impoña o "parking express" no Casco Histórico na nova ordenanza da ORA

“Insistimos en substituír a ORA por un sistema gratuíto de rotación para o estacionamento para que o centro comercial aberto de Betanzos poida competir coas grandes superficies comerciais, que dan aparcamento gratis á clientela”.

Betanzos, 14 de marzo de 2017. O BNG lamentou que o goberno local teña xa, listo para aprobación, o regulamento para a ORA. “O alcalde explicounos onte na xunta de portavoces que nos vindeiros días sacarao a exposición pública para iniciar o trámite da súa aprobación”, explicou Henrique del Río, voceiro nacionalista.
Desde o BNG explican que, xunto coa regulación da ORA- o que en realidade deixa xa clara a intención do PSOE de volver a sacar a concurso o control e explotación da zona azul entregándollo a unha empresa privada novamente- a norma redactada polo goberno local inclúe xa o parking express. “O goberno local cola así, pola porta de atrás e de maneira unilateral, a legalización do estacionamento indebido no Casco Histór”co", engaden.

O BNG recorda que no pleno de febreiro o goberno local conseguiu aprobar, co único voto en contra do BNG, un proxecto duns 30.000 euros para instalar cámaras nas rúas do Casco Histórico para desenvolver o seu proxecto de "parking express", isto é, devolver o tránsito rodado e o estacionamento ás rúas da zona monumental. O proxecto supón un investimento de 30 000 euros para colocar entre 10 e 12 cámaras para controlar o acceso e saída de vehículos do Casco Histórico, medindo o tempo que permanecen dentro para controlar o cumprimento do parking express" explican as nacionalistas.

Coa ordenanza da ORA e mais o proxecto de instalación das cámaras, o goberno local “incumpre un acordo alcanzado para analizar na Comisión de Tráfico as propostas que cada grupo puidese ter sobre a mobilidade no centro histórico”. “Isto supón volver 20 anos atrás na recuperación do Casco Histórico, é volver a ter as rúas cheas de estacionamento e ningún Casco Histórico que se dinamizou está cheo de coches”, relata o edil nacionalista. “No fondo, supón convertir o principal reclamo de Betanzos nun aparcamento” lamenta.

Desde o BNG insiten en substituír a ORA por un sistema gratuíto de rotación para o estacionamento para que o centro comercial aberto de Betanzos poida competir coas grandes superficies comerciais, que dan aparcamento gratis á clientela. E no Casco Histórico, o BNG insiste en que a prioridade debe ser para as persoas, con amoblamento urbano, aparcamentos disuasorios e zonas reservadas para a veciñanza. “Presentamos hai meses unha proposta alternativa que o PSOE nin sequera debeu ler”, lamentan.

Consulta ti mesma a ordenanza proposta: