AS CONTAS DA XUNTA TAMPOUCO RESERVAN PARTIDAS PARA A CONSTRUCCIÓN DO CENTRO DE DÍA, UN XERIÁTRICO NIN PARA PERSOAL ABONDO NO CENTRO DE SAÚDE

Lamentamos que os orzamentos da Xunta non inclúan fondos para rehabilitar o Pasatempo

O BNG cualificou de “decepcionantes” os investimentos previstos pola Xunta en Betanzos en 2020. “Tan só prevén investir 600 000 do millón de euros que xa tiña que estar gastado na mellora da traída, que o PP ven adiando desde 2016
Lamentamos que os orzamentos da Xunta non inclúan fondos para rehabilitar o Pasatempo

Betanzos, 21 de outubro de 2019. O BNG cualificou de “decepcionantes” os investimentos previstos pola Xunta en Betanzos en 2020. “Tan só prevén investir 600 000 do millón de euros que xa tiña que estar gastado na mellora da traída, que o PP ven adiando desde 2016” lamentou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Neste sentido, as nacionalistas botan en falta fondos para rexenerar a ría betanceira e culminar o saneamento dos ríos. “O PP cánsase de presentar mocións no pleno pedindo que se actúe nas marxes de Mendo e Mandeo pero, á hora da verdade, a Xunta do PP non inviste un euro en sanear e poñelos en valor” asegurou o portavoz do BNG.

Nin mellora dos centros de saúde e ensino nin investimento nun centro de día

As nacionalistas cuestionan que as contas da Xunta sexan “as máis sociais”, como di Feijóo. “Para Betanzos, desde logo, seguen sendo igual de rácanas e miserábeis estas contas como foron as anteriores” sostén Del Río.

Entre as carencias que botan en falta un ano máis figuran a construcción dun centro de día, xa que “Betanzos é das poucas cabeceiras de comarca que non conta con este servizo público esencial para un país avellentado como Galiza”. “Tampouco prevén o xeriátrico público comarcal que levan prometendo non se sabe xa cantas campañas”, ironiza o edil do BNG.

As nacionalistas lamentan que, un ano máis, a Xunta do PP non inclúa nos orzamentos os fondos necesarios para dotar o centro de saúde do persoal necesario. “Un ano máis, as contas da Xunta pretenden que non enfermemos en verán, porque non van contratar máis persoal sanitario para atendernos” ironiza Del Río.

O BNG amósase crítico con que non se contemplen fondos para persoal docente de maneira que o aulario do Carregal pase a ser un colexio independente, como comprometera a Xunta. Tampouco hai cartos nos orzamentos da Xunta para acometer os investimentos que precisan os centros de ensino público da localidade.

Sen partida para a rehabilitación do Pasatempo

As nacionalistas censuran que as contas do PP deixen novamente sen cartos a rehabilitación do parque do Pasatempo. “Como non viña no 2018 nin no 2019, a Xunta non prevé investir un só euro na rehabilitación do Pasatempo”, lamentou Del Río.

“O PP fartouse de demandar a declaración BIC do parque, de garantir apoios que non chegan e á hora da verdade evita poñer cartos para manter un patrimonio que a súa xestión e a do PSOE puxo ao bordo do colapso", explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Por este motivo, as nacionalistas traballan xa nas emendas que presentarán ás contas para atender as necesidades da comarca. A tal fin, recollerán as propostas da veciñanza.

Lamentamos que os orzamentos da Xunta non inclúan fondos para rehabilitar o Pasatempo