Insistimos en protexer e poñer en valor a Fonte dos Cabalos

Detalle da intervención realizada na fonte
Detalle da intervención realizada na fonte

“Un ben deste tipo, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos”

Insistimos en protexer e poñer en valor a Fonte dos Cabalos

“Un ben deste tipo, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos

Betanzos, 20 de xuño de 2017. O BNG cuestionou no Pleno a actuación realizada polo goberno local na Fonte dos Cabalos e o muro que separa a Feira Nova da avenida de Linares Rivas. Segundo varias persoas, entre elas algunha experta en rehabilitación indicaron ás nacionalistas, o “tosco encintado de formigón” realizado na estrutura é “cuestionábel”. “A mesma solución tan pouco estética que adoptaron para o patín da escalinata principal do Edificio Arquivo”, engaden.

“Descoñecemos se a solución elixida se debe a unha intervención pouco meditada ou se é o resultado dunha reparación de urxencia na primeira quincena de maio a causa de danos producidos por algún vehículo estacionado contra a fonte”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG censuran que o goberno local continúe “permitindo o estacionamento indebido a carón desta fonte, con problemas para o tráfico e con perigo de deterioro para o patrimonio”.

Por este motivo, desde o BNG demandaron ao goberno local que explique os criterios seguidos para actuar sobre esta fonte e se consideran apropiada a intervención á vista dos resultados. “Cren que así cumpriron co anuncio de “poñer en valor” este entorno que realizaron tras pedir varias veces o BNG que se amañasen estes elementos monumentais de 150 anos de historia” interpelou Del Río.

O BNG ven insistindo en dotar de maior protección patrimonial o que se conserva do conxunto orixinal da Feira Nova polo seu valor histórico e etnográfico. Insisten en protexer, xunto coa fonte dos cabalos e o muro de acceso ao antigo recinto feiral, a outra fonte do recinto e os restos do arboredo orixinal.

As nacionalistas lamentan que malia ser un conxunto que ronda os 150 anos e que polo tanto é susceptíbel de ser un ben patrimonial inventariado, carece de calquera tipo de protección. Aínda a peor, advirten que o executivo local a mantén rodeada de colectores de lixo e vehículos mal estacionados, mesmo coa propia fonte convertida en papeleira.

“Un ben deste tipo, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Reforzo da sinalización para evitar vehículos pesados no entorno

Ademais, o BNG ten solicitado varias veces o reforzamento da sinalización na avenida do Carregal para evitar que camións e outros vehículos pesados acaben atoados á altura da fonte dos cabalos por facer caso das indicacións dos GPS. “É certo que hai algún sinal, pero é obvio que resultan insuficientes se cada certo tempo hai algún percance deste tipo e un par de sinais adicionais tampouco é un gasto desorbitado para o Concello”, explica Del Río.