A gratuidade dos libros de texto a debate

A gratuidade dos libros de texto a debate

"No BNG consideramos que o modelo proposto polo PP atenta contra o dereito a unha educación universal, obrigatoria e gratuíta. O custe do modelo proposto polo PP é 3,2 veces máis caro que o modelo do bipartito. Polo tanto, non se pode falar de aforro senón de recurte de prestacións".

Betanzos, 7 de otubro de 2009. O Consello Local publica un artigo no último número do xornal Betanzos e a súa comarca sobre a supresión da gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio que ven de impoñer o PP contra do parecer maioritario de colectivos de nais e pais e centros educativos. Polo seu interese ofrecémosvolo de xeito íntegro.

Libros de texto: o que debes saber e non che contan

O BNG levou ao Pleno do Concello unha moción para que o Concello de Betanzos se posicionase en contra da eliminación da gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio e reclamase á Xunta de Galiza o retorno ao modelo de libros de texto gratuítos. O PP opúxose a que o alumnado betanceiro tivese libros de texto gratuítos. Desde o BNG opoñémonos a este recorte de dereitos porque:

  1. O PP elimina a gratuidade dos libros de texto. A medida supón un ataque directo ao ensino universal gratuíto. O PP aumenta as axudas aos centros privados de ensino que segregan ao alumnado por sexos.
  2. Tamén se elimina a posibilidade de compartilos, que conlevaba a reutilización dos libros e que constituía unha medida pedagóxica e ecolóxica.
  3. Agás contadas familias, proponse que a maioría das mesmas teña que pagar os libros de texto dos seus fillos ou fillas.
  4. Coas medidas anunciadas pola Consellaría de Educación, só terán dereito a axuda aquelas unidades familiares que teñan ingresos inferiores a 5.400 euros por persoa e ano, ou recibirán o 50% de axuda aquelas que ingresen entre 5.400 e 9.000. (No caso de familias monoparentais o límite inferior aumenta até os 6.000 euros por persoa e ano).
  5. Os límites establecidos son extremadamente baixos, o que significa que só un número moi reducido de familias se poderán beneficiar desta axuda.
  6. Os límites son tan baixos que se podería dicir que a Xunta limita as axudas para os libros de texto ás familias que estean por baixo do umbral de pobreza (7.203 euros por persoa en 2007 segundo o Instituto Estatal de Estatística, o INE). Incluso familias monoparentais que non estean obrigadas a facer a declaración da renda por nivel de ingresos quedarían fóra destas axudas, xa que o seu límite son 22.000 euros anuais.
  7. O custe real do modelo proposto polo PP dándolle cobertura ao 100 % do alumnado ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. O custe do modelo de gratuidade universal defendido polo BNG e deseñado polo bipartito era de 173 millóns en cada un deses dous períodos.

No BNG consideramos que o modelo proposto polo PP atenta contra o dereito a unha educación universal, obrigatoria e gratuíta. O custe do modelo proposto polo PP é 3,2 veces máis caro que o modelo do bipartito. Polo tanto, non se pode falar de aforro senón de recurte de prestacións. No contexto de crise económica actual o goberno do PP está a trasladar ás familias unha carga de 330 M de euros, que terían que soportar nos vindeiros 8 anos (de seguir o PP no goberno).

A gratuidade dos libros de texto a debate