O globo e o papel de estraza: o verdadeiro voto útil

O globo e o papel de estraza: o verdadeiro voto útil

bng-aa azulAs aparencias poden enganar, e o que parece útil non o é, e viceversa: voto útil debería ser o voto por unha opción política que se preocupa polos nosos problemas reais, e que día a día propón solucións levando mocións e iniciativas aos concellos, ás deputacións e aos Parlamentos.

Betanzos, 11 de agosto de 2016. O xornal "Betanzos e a súa comarca", que edita ACEBE-CCA, trae nas súas páxinas deste mes un artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e a xente que participa no proceso Asembleas Abertas, sobre o voto útil. Reproducímolo a seguir íntegro.

O verdadeiro voto útil

Nuns días Betanzos lanzará ao ceo das Mariñas o seu Globo. Un momento máxico motivo de orgullo para a cidade de Betanzos e a súa comarca. A tradición do Globo consegue reunir e emocionar como poucas outras festas a todas as betanceiras porque encarna un esforzo colectivo, porque nos representa a todas.

Así e todo, resulta paraxodal que algo tan grande se faga con materiais tan humildes, como o papel de estraza, un papel que habitualmente nos parece de peor calidade, de pouca ou ningunha utilidade. E porén, aí está: todos os anos o ceo de agosto recibe o globo, feito con ese papel de estraza.

Ás veces pasamos por alto estas contradicións, é dicir, esquecemos o útil que resulta o que de entrada nos parecía inútil. Pensemos por exemplo -agora que veñen as eleccións galegas-, no chamado “voto útil”. Para algúns, o útil sería votar as opcións maioritarias cando en realidade de útil non ten nada, se atendemos ao traballo realizado por estas opcións políticas no Parlamento nestes últimos catro anos.

Porque as aparencias poden enganar, e o que parece útil non o é, e viceversa: voto útil debería ser o voto por unha opción política que se preocupa polos nosos problemas reais, e que día a día propón solucións levando mocións e iniciativas aos concellos, ás deputacións e aos Parlamentos.

Nos últimos catro anos, as mulleres e os homes do BNG temos demostrado sobradamente que somos e queremos seguir sendo útiles, porque defendemos arreo os intereses de Betanzos e a nosa comarca.

Aí van algúns exemplos: Na educación, reclamando á Xunta a conversión do novo aulario de Betanzos nun colexio; na sanidade, presentando unha iniciativa para mellorar a atención de pediatría na comarca ou outra para solucionar as deficiencias dos centros de saúde na nosa cidade e noutros concellos da comarca como Bergondo ou Oza; nos servizos sociais, demandando a apertura do centro de día en Betanzos e en Miño, ou reclamando a posta en funcionamento dun xeriátrico público de Cesuras; no medio ambiente, cunha emenda aos orzamentos da Xunta para o saneamento integral da nosa ría ou en vivenda, pedindo partidas no orzamento para a rehabilitación das casas que a Xunta ten no Casco Histórico de Betanzos, entre outras moitas iniciativas.

Desde a humildade, imos seguir traballando por esta terra mariñá no Parlamento, demostrando a nosa utilidade día tras día.

O globo e o papel de estraza: o verdadeiro voto útil