NON HAI OUTRA ALTERNATIVA PARA A MOCIDADE QUE NON ESTUDA NA SÚA PROPIA CASA

Galiza Nova denuncia que a biblioteca pecha polas tardes a semana antes da ABAU

"Non hai un aula de estudo para poder preparar os exames e a biblioteca pecha polas tardes nas semanas anteriores a unha proba tan importante como a ABAU sen ter en conta as necesidades e horario da mocidade"

Betanzos, 8 de xullo de 2019. Galiza Nova denunciou que o peche polas tardes da Biblioteca Municipal Castelao dificulta que a mocidade poida preparar as probas da ABAU, que comezan o vindeiro día 10. "O goberno local puxo un horario de verán que non atende para nada as necesidades da mocidade", advirte Icía Abraira, responsábel comarcal das mocidades nacionalistas.

Desde Galiza Nova recordan que son moitas as mozas que asisten á biblioteca para preparar os seus exames. "Non hai un aula de estudo para poder preparar os exames e a biblioteca pecha polas tardes nas semanas anteriores a unha proba tan importante como a ABAU sen ter en conta as necesidades e horario da mocidade", cuestionan.

Recordan, ademais, que a biblioteca betanceira é usada por estudantes de toda a comarca. "Non hai outra alternativa para a mocidade que non estuda na súa propia casa, pois a biblioteca de Miño tamén pecha", explican.

Por este motivo, Galiza Nova demanda ao goberno local que abra en horario de tarde a biblioteca municipal ou cree unha sala de estudo para dar resposta ás necesidades da mocidade. "Esta situación vense repetindo constantemente, semella que non é unha prioridade ter este tipo de servizos", conclúen.