Feira ou hipermercado: onde se producen as cousas?

Feira ou hipermercado: onde se producen as cousas?

Un reparto informativo do BNG nun mercado

"Cando mercamos xabrón “La Toja”, unha marca tradicional galega, estamos adquirindo un xabrón producido en zonas onde as garantías para os traballadores son inferiores, ou nulas, vaite a saber con qué produtos químicos e en que condicións ambientais"

Betanzos, 11 de xaneiro de 2015. O último número do xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE-CCA, contén nas súas páxinas un artigo do portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. Nel fala do comercio local, as ameazas que lle veñen enriba coa nova normativa europea e as alternativas que defendemos. Polo seu interese reproducimolo integramente a continuación.

Feira ou hipermercado: onde se producen as cousas?

O comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, de humanizar as cidades e impedir a desertización das nosas vilas. Sexa a praza de abastos ou unha tenda, xoga un importante papel como dinamizador da nosa cidade. É un modelo sustentábel, unha aposta pola especialización e os ingresos que xera son reinvestidos na economía local.

Todo o contrario do modelo das grandes áreas comerciais que proliferan na nosa comarca que levan fóra os beneficios, baleiran as rúas e deixan sen medio de vida a quen producía aquí. É o modelo do grande capital, que pretende uniformizar hábitos de consumo, culturas e pobos para garantir a maior marxe de beneficios. Un modelo que xoga coa especulación, que levanta grandes superficies arrasando coas tradicionais rúas comerciais.

Fronte a este hai un modelo alternativo que achega ao produtor e ao consumidor eliminando intermediarios que soben os prezos e transportes que supoñen un grande consumo de enerxía. É máis xusto socialmente, deixa o beneficio aquí e garante postos de traballo aquí.

O Tratado Trasantlántico de Libre Comercio (TTIP), que busca privatizar aínda máis e deslocalizar aínda máis rebaixando os controis sociais e ambientais

Todas as políticas que a nivel mundial se tomaron nas últimas décadas promoven as grandes áreas comerciais, a deslocalización da produción e fan mesmo complicado que saibamos onde se producen as cousas que consumimos. Cada vez resulta máis complicado saber quén, en qué condicións é mesmo onde se producen os alimentos. O sumum deste modelo globalizador é o Tratado Trasantlántico de Libre Comercio (TTIP), que busca privatizar aínda máis e deslocalizar aínda máis rebaixando os controis sociais e ambientais.

Exemplos temos sobrados. Cando mercamos xabrón “La Toja”, unha marca tradicional galega, estamos adquirindo un xabrón producido en zonas onde as garantías para os traballadores son inferiores, ou nulas, vaite a saber con qué produtos químicos e en que condicións ambientais. A produción resulta máis barata, pero a costa da calidade de vida das persoas aquí e aló, onde se consume e onde se produce. A costa tamén do futuro do planeta.

No BNG defendemos a importancia dunha economía pensada para as persoas e non para os grandes mercados, que deciden sobre as nosas vidas

Esta é a situación que todos coñecemos e hai que tomar partido por un modelo ou outro. É unha escolla individual mais tamén unha escolla colectiva. Nestas datas de exaltación do consumo e do consumismo tod@s somos responsábeis de optar por un modelo ou outro.

No BNG defendemos a importancia dunha economía pensada para as persoas e non para os grandes mercados, que deciden sobre as nosas vidas. Por iso, apostamos pola produción de proximidade e propuxemos iniciativas na defensa das feiras tradicionais, ceder os terreos que o Concello ten a monte para que a veciñanza poida producir alimentos, a creación dun viveiro de pequenas empresas, un banco de locais comerciais e moitas outras.

Feira ou hipermercado: onde se producen as cousas?