Entrevista a Henrique del Río en 'Betanzos e a súa comarca'

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas
Entrevista a Henrique del Río en 'Betanzos e a súa comarca'

ELECCIONS MUNICIPALES 2015 BNG BETANZOS"Estudaremos a creación dunha cooperativa de crédito local ou comarcal, para apoiar a economía local que concedería crédito a xuros moi baixos e permitiría fortalecer a economía local en beneficio de toda a veciñanza, cuns principios éticos claramente definidos"

Betanzos, 16 de maio de 2015. O xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE-CCA, entrevista nas súas páxinas ao candidato á Alcaldía do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. Polo seu interese reproducímola a seguir de xeito íntegro.

- Breve presentación persoal.

Son Licenciado en Ciencias Políticas, cun mestrado en Admnistración Local. Teño 32 anos. Traballei en I+D+i e levo anos no desemprego, como moit@s d@s meus compañeir@s e amig@s. Toco a gaita, gústame a música e a historia, sobre todo a de Betanzos. Tamén me gusta cociñar e cultivar plantas no xardín e a leira. Toda a vida quixen conseguir un mundo máis xusto, empezando desde o máis cercano, o meu Concello e o meu País. Por iso estudei Políticas e por iso tamén estou no grupo do BNG-Asembleas abertas.

-Sendo o comercio, a hostalería e as pequenas e medianas empresas piares importantes da economía local, que medidas inclúe no seu programa para dinamizar estes sectores?

O pequeno comercio é un sector estratéxico para Betanzos, para dinamizalo pensamos que é fundamental executar completamente o proxecto do Centro Comercial Aberto de Betanzos e limitar o establecemento de grandes áreas comerciais.

Estudaremos a creación dunha cooperativa de crédito local ou comarcal, para apoiar a economía local que concedería crédito a xuros moi baixos e permitiría fortalecer a economía local en beneficio de toda a veciñanza, cuns principios éticos claramente definidos.

Crear unha sementeira de empresas nos terreos municipais do polígono de Piadela e espazos gratuítos de coworking, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.

-Que ideas propón para potenciar Betanzos dende o punto de vista turístico?

O principal atractivo de Betanzos, o que o fai diferente de todas as outras vilas do País, é a súa historia e os restos deste pasado non só no Casco Histórico senón en todos os barrios históricos. O patrimonio de Betanzos é o noso principal activo turístico. Por iso o primeiro é a rehabilitación integral do casco histórico, reserva de estacionamento para residentes e peonalización.

Fomentar a creación dunha rede de pequenos establecementos hostaleiros, un centro de interpretación do Casco Histórico, unha aplicación turística para os móbiles, recuperar os ciclos “Música” e “Contos na pedra” como actividades os fins de semana, impulsar unha cooperativa para o desenvolvemento de actividades turísticas no medio natural (roteiros dacabalo, piragüas, embarcacións tradicionais), mercados sectoriais de tempada nas prazas do Casco Histórico...

Como enfoca o seu partido a protección do patrimonio histórico, cultural e natural de Betanzos?

O cambio fundamental para que Betanzos debe ser pasar de percibir o patrimonio como un problema a ver nel unha oportunidade, mesmo desde o punto de vista económico. É imposíbel querer o que se descoñece, polo tanto é imprescindíbel comezar dando a coñecer o seu propio patrimonio á veciñanza.

As prioridades deben estar nas persoas e non nun edificio máis ou menos

No momento económico actual, como orientaría as súas políticas sociais?

Desde o BNG-Asembleas abertas defendemos que as políticas sociais son indispensábeis para conseguir que todas as persoas teñamos a vida digna á que como seres humanos temos dereito.

Estamos frontalmente en contra dos recortes en políticas sociais – educación, sanidade, dependencia...- que está levando a cabo o goberno do PP no Estado e na Xunta. Faremos todo o posíbel para intentar compensar desde o Concello estes recortes que se están cebando coas persoas máis desfavorecidas.

Estudaremos a formula para compensar o copago dos doentes crónicos. Queremos abrir un centro de día no antigo ambulatorio e que se amañe o actual centro de saúde e se contraten os especialistas necesarios. Cambiaremos a visón dos servizos sociais como caridade por solidariedade e servizos.

-Que infraestruturas cre que precisa Betanzos actualmente?

Estamos sufrindo os recortes bestiais do PP no estado do benestar: listas de espera e horas interminábeis agardando na sanidade pública, un servizo de comedor nos centros de ensino que temos que copagar, copago dos medicamentos das persoas enfermas crónicas, lei da dependencia conxelada sen fondos para aplicala, copago dos servizos sociais no que cada vez temos que pagar máis... Neste contexto no BNG pensamos que as prioridades deben estar nas persoas e non nun edificio máis ou menos.

Un centro de día e un xeriátrico público, tendo en conta que cada vez no noso concello e na nosa comarca hai máis persoas maiores. Máis desde o BNG-Asembleas abertas queremos poñer o énfase en que non vale de nada facer grandes edificios ou auditorios para inaugurar se non se dotan de persoal, non se lles dá uso nin mantemento adecuado. Como exemplo temos o frustrado colexio reconvertido en aulario, por obra dos recortes do PP.

Entendemos que pola súa función social e polo que de beneficioso ten para o medio, sí sería importante que o Concello presionara para ter un bó transporte público cun tren de cercanías que aproveite as dúas estacións – agora pechadas- que hai na nosa cidade.

-Cales son, brevemente, as principais liñas do seu programa de cara a estes comicios?

A nosa principal prioridade será a creación de emprego, daremos prioridade absoluta a políticas que fagan regresar a mocidade que se viu obrigada a deixar o país nos últimos anos e impidan que máis xente nova se vexa obrigada a facelo.

Transparencia e participación, gobernar para o pobo e non de costas a el: orzamentos participativos, participación no PXOM...

Promover a igualdade real, aplicando criterios de xénero de forma transversal en todas as medidas que se deseñen. As políticas están normalmente deseñadas por homes novos para homes novos, hai que ter en conta a diversidade das persoas que viven en Betanzos.

Defensa duns servizos públicos de calidade e remunicipalización dos servizos públicos básicos como a auga ou o saneamento. Substitución da ORA, que non ingresa un euro no noso Concello, por un sistema de rotación no aparcamento gratuíto.

Defensa do noso medio, tendo en conta que é necesario ser consciente do seu valor e a necesidade de que a nosa vida e actividade económica se faga compatíbel co seu coidado.

Promover a lingua e a cultura propias, o coñecemento e posta en valor da nosa historia e patrimonio. A única maneira de ter futuro é desde o noso pasado.

Estamos fart@s de saber que o PP e o PSOE só se lembran de nós cada 4 anos e que só fan cousas 3 meses antes das eleccións para poder seguir gobernando

-Cales serían as primeiras medidas que adoptaría no caso de chegar á Alcaldía?

O primeiro que farei ao chegar á alcadía será falar coa veciñanza, convocar xuntanzas nos diferentes barrios e parroquias de Betanzos para que os veciños e veciñas nos trasladen cal é a situación do barrio, qué necesidades teñen, que problemas ven... Faremos tamén enquisas e reunións cos colectivos e asociacións.

Colgaremos no web municipal toda a información referida a salarios do goberno, contratos, subvencións, actas das xuntas de goberno.. Abriremos a radio municipal como unha radio comunitaria e ofreceremos tamén información do propio concello como medio de comunicación público que é.

Exixir da Xunta a conversión en colexio independente do aulario do Vales Villamarín, para garantir o ensino de calidade. Reclamarlle tamén que cumpra as súas promesas electorais e rehabilite as casas que o IGVS ten no Casco Histórico.

Paralizar o paseo a carón do Mandeo e negociar coa Deputación que os cartos que se van estragar neste proxecto vaian á creación de emprego como un coworking ou un viveiro de empresas. Revisar a licencia concedida á empresa Visecorsa en Talai, e, senón e posíbel anulala negociar coa empresa o seu traslado ao Polígono de Piadela.

-Por último, que mensaxe transmitiría aos betanceiros e betanceiras para que acudan a votar o vindeiro 24 de maio.

Cambialo todo en Betanzos está na nosa man. Porque estamos fart@s de sufrir os recortes, de saber que estamos pagando nós para que outros se sigan enriquecendo. Estamos fart@s de saber que o PP e o PSOE só se lembran de nós cada 4 anos e que só fan cousas 3 meses antes das eleccións para poder seguir gobernando. Que non lles importa a vida das persoas porque están moi ocupados pensando en enquisas e resultados electorais, en perpetuarse no poder. Porque depende de nós cambiar de libro non só de páxina, pídoche que tomes partido o día 24 de maio.

Entrevista a Henrique del Río en 'Betanzos e a súa comarca'