Denunciamos un novo verquido no Mendo e pedimos que o goberno actúe

Verquido ao Mendo na ponte do Carregal
Verquido ao Mendo na ponte do Carregal

“Botamos en falta un maior rigor á hora de investigar e sancionar a quen contamina”. “O medio natural tamén é patrimonio e riqueza para todas”

Denunciamos un novo verquido no Mendo e pedimos que o goberno actúe

“Botamos en falta un maior rigor á hora de investigar e sancionar a quen contamina”. “O medio natural tamén é patrimonio e riqueza para todas”

Betanzos, 27 de abril de 2017. No pleno do pasado martes, o BNG de Betanzos denunciou novos vertidos ao río ao seu paso polo Carregal. O grupo nacionalista, a través do seu concelleiro Henrique del Río, trasladou o testememuño de varias veciñas sobre estes verquidos e preguntou ao goberno local polas causas dos mesmos e tamén por posíbeis sancións para as persoas responsábeis.

Segundo os nacionalistas, os verquidos prolongáronse durante o espazo dunha hora, a media tarde do luns. Durante ese tempo, a auga baixo a ponte mostrou evidencias claras dun verquido, que se suma aos xa producidos nos últimos meses. Desde o grupo nacionalista, lamentan o que consideran unha “frecuencia excesiva” dos verquidos ao Mandeo e o Mendo” e botan en falta “un maior rigor á hora de investigar os feitos e sancionar a quen contamina”. 

O portavoz nacionalista descarta que estes últimos verquidos sexan augas pluviais, dado que “só choveu ao día seguinte” [polo martes], polo que parece que as causas son “outras”. O concelleiro Henrique del Río reclama nese sentido que o goberno local investigue a orixe e as causas do verquido.

“Levamos varios episodios de contaminación no río, sen que nos consten medidas sancionadoras”, denunciou o voceiro do BNG. “Non pode ser tan fácil e barato contaminar o noso medio”.

O grupo nacionalista reclama, en definitiva, que “non se deixe correr” esta nova denuncia e pide ao goberno local que demostre unha vontade real de combater a contaminación do medio natural, “que tamén é patrimonio de todas”, apostila Henrique del Río.