LEVAMOS ANOS CON ESTE TIPO DE SUCESOS SEN QUE O GOBERNO LOCAL POÑA FIN A ESTA SITUACIÓN

Denunciamos que a empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segue deixando persoas sen atender

O voceiro do BNG nunha comparecencia con traballadoras do SAF
O voceiro do BNG nunha comparecencia con traballadoras do SAF

O BNG advertiu no Pleno que o prego para reprivatizar o SAF tiña erros no tocante ao persoal que a nova empresa deberá subrogar

Denunciamos que a empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segue deixando persoas sen atender

O BNG advertiu no Pleno que o prego para reprivatizar o SAF tiña erros no tocante ao persoal que a nova empresa deberá subrogar

Betanzos, 13 de agosto de 2019. O BNG denunciou que a empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segue incumprindo as súas obrigas e deixando persoas usuarias sen atender. "O pasado sábado 10 de agosto ninguén se presentou na casa dunha usuaria deste servizo, segundo nos fixeron saber familiares dela", indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

"Cando os familiares desta persoa chamaron á empresa, ao luns seguinte, comprometéronse a darlles unha explicación telefónica que seis horas despois non se producira", relata Del Río trasladando o contido dunha queixa que familiares desta persoa presentaron no Concello. "Esta situación repetiuse con todas as persoas que tiñan que ser atendida pola mesma auxiliar porque a empresa non cubriu a súa ausencia", denuncia. "E o PSOE di que o servizo agora funciona perfectamente", ironiza Del Río.

"Levamos anos con este tipo de sucesos sen que o goberno local poña fin a esta situación", reproba o portavoz do BNG. No último pleno, as nacionalistas reclamaron á alcaldesa e responsábel de Servizos Sociais que aclare se, tal e como se acordou a raíz dunha iniciativa promovida polo BNG, “remitiu ao Consello Consultivo o acordo para rescindir o contrato aínda en vigor”.

Erros no anexo de persoal a subrogar do novo contrato

O BNG advertiu no Pleno que o prego para reprivatizar o servizo de axuda no fogar (SAF) tiña erros no tocante ao persoal que a nova empresa deberá subrogar. “As traballadoras trasladáronnos a súa preocupación porque os datos contemplados nos pregos non se corresponden coa realidade no relativo ao cadro de persoal a subrogar, onde non figuraban parte do cadro de persoal e aparecían persoas que xa non estaban na empresa” explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas explican que, deste xeito, o documento que estivo en exposición pública o pasado mes está errado, debido a esta información relevante ofrecida incorrectamente. Por este motivo, demandaron ao executivo local que expoña o documento rectificado.

 Neste sentido, o voceiro do BNG demandou unha explicación ante o feito de que o executivo local optase por volver entregar o SAF a unha empresa privada a pesar de todos os problemas ocasionados pola actual concesionaria e de que o Pleno acordou outro modelo.