Denunciamos a contratación por 15000 euros dunha empresa para xestionar a lancha municipal

Unha lancha cara Os Caneiros

“No BNG pensamos que as prioridades en Betanzos son outras, como dar uns servizos dignos na escola infantil municipal ou contratar persoal para a biblioteca infantil e non malgastar máis de 15 000 euros nun patrón de lancha”

Denunciamos a contratación por 15000 euros dunha empresa para xestionar a lancha municipal

“No BNG pensamos que as prioridades en Betanzos son outras, como dar uns servizos dignos na escola infantil municipal ou contratar persoal para a biblioteca infantil e non malgastar máis de 15 000 euros nun patrón de lancha”

Betanzos, 22 de maio de 2017. O BNG criticou que o goberno local recorra á privatización e contrate de novo o patrón da lancha municipal mentres mantén outros servizos máis necesarios sen persoal. As nacionalistas fixeron público que a xunta de goberno local adxudicou, o día 7 de abril, o contrato de condución e mantemento da lancha municipal por 2500 euros máis 525 de IVE mensuais, entre o 15 de maio e o 15 de outubro. Segundo o BNG, o goberno local adxudicou este contrato “a dedo” aproveitando a figura do contrato menor.

“O gasto total destes 5 meses sería de 15 125 euros. O ano pasado o gasto do contrato efectuado mediante contratación directa foi de 1291 euros ao mes, este ano despois de privatizar o servizo o gasto e aproximadamente o dobre”, criticou o portavoz nacionalista, Henrique del Río.

“Como xa dixemos o ano pasado, non nos parece de recibo que se manteñan necesidades básicas sen cubrir e se escatime por exemplo en persoal para a escola infantil, para o cemiterio ou para a contratación do conserxe do Edificio Liceo e mentres se priorice contratar un patrón para a lancha municipal”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.

O portavoz nacionalista mostrou ademais a súa sorpresa porque se contrate un patrón de lancha municipal sen contar con orzamento aprobado. “Non sabemos contra que partida do orzamento prorrogado se vai cargar este contrato, mais parécenos preocupante a falta de transparencia deste goberno que mais dun mes despois de efectuar este contrato non informou nin á veciñanza nin aos voceiros dos grupos e enterámonos no momento en que nos remiten a acta da xunta de goberno”, engadiu Del Río.

“No BNG pensamos que as prioridades en Betanzos son outras, como dar uns servizos dignos na escola infantil municipal ou contratar persoal para a biblioteca infantil, que son cousas que a veciñanza precisa a cotío, e non malgastar máis de 15 000 euros nun patrón de lancha” indica o edil do BNG. “Ademais con este contrato queda demostrado que os servizos privatizados son máis caros, neste caso concreto practicamente co dobre do custo mensual”, concluíu o portavoz nacionalista.  

Denunciamos a contratación por 15000 euros dunha empresa para xestionar a lancha municipal