Denunciamos que as tarifas da piscina son diferentes ás da ordenanza fiscal

“Aínda que as persoas que utilizan o complexo deportivo din que coa nova empresa concesionaria o servizo é mellor, resulta evidente que existe unha falta de control sobre os ingresos e de falta de seguimento do contrato”

Denunciamos que as tarifas da piscina son diferentes ás da ordenanza fiscal

“Aínda que as persoas que utilizan o complexo deportivo din que coa nova empresa concesionaria o servizo é mellor, resulta evidente que existe unha falta de control sobre os ingresos e de falta de seguimento do contrato”

Betanzos, 1 de abril de 2017. O BNG advertiu no Pleno que as tarifas que está a publicitar a nova concesionaria do complexo deportivo do Carregal non se corresponden coas taxas previstas na ordenanza fiscal vixente. Así, o voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou que a ordenanza, dispoñíbel no portal de transparencia do Concello, prevé “unhas taxas inferiores ás que a concesionaria inclúe na publicidade que está a repartir”. “Son diferenzas que van máis alá dun redondeo ou de sumarlle o IVE ás previsións da ordenanza fiscal”, indica o edil nacionalista.

Ademais, desde o BNG indican que a concesionaria está anunciando- e cobrando as matrículas- por actividades e cursos non previstos na normativa municipal. Citan por exemplo as clases publicitadas de zumba, fitball, aerolatino, HIIP, STEP ou ioga. "Non están previstas na ordenanza fiscal" explican. “Se as tarifas as establece o Pleno do Concello por medio da ordenanza fiscal, está claro que hai un problema con isto”, engade.

“Polo tanto, cóbrase dunha maneira diferente á que establece a ordenanza e danse unhas actividades que non están amparadas pola ordenanza”, resumen desde o BNG. As nacionalistas sospeitan que estas son as tarifas que está a cobrar realmente a concesionaria, apartándose do que a ordenanza fiscal vixente, e visitábel no web municipal, prevé. Por este motivo, demandaron ao goberno local que aclare “se ten constancia de que se cobren unhas tarifas distintas das que recolle a ordenanza fiscal”. Demandan que se adopten as medidas necesarias para poñer fin a esta situación.

“Aínda que as persoas que utilizan o complexo deportivo din que coa nova empresa concesionaria o servizo é mellor, resulta evidente que existe unha falta de control sobre os ingresos e de falta de seguimento do contrato a pesar de que o Pleno aprobase nomear unha persoa encargada do contrato para evitar o descontrol que se viña producindo, con esta e outras concesionarias coma o Hotel San Roque ou a ORA” relata Del Río. “Un descontrol que montaron e consentiron os sucesivos gobernos de PSOE e PP, e que fai que sempre paguemos os pratos rotos as veciñas”, denuncia.

Neste sentido, desde o BNG recordan que defenderon no Pleno analizar pormenorizadamente a posibilidade de recuperar a xestión municipal directa sobre o complexo deportivo do Carregal, cunha concesión que remata en tres anos. “Lamentabelmente o resto dos grupos da Corporación non o apoiaron”, conclúen.

Denunciamos que as tarifas da piscina son diferentes ás da ordenanza fiscal