Demandaremos no Pleno que se executen subsidiariamente os traballos de conservación da Fábrica da Luz

Imaxe do deterioro da fábrica e do abandono da parcela
Imaxe do deterioro da fábrica e do abandono da parcela

O BNG pedirá novamente ao goberno local que se dirixa formalmente á eléctrica para negociar adquisición da factoría. Se non hai acordo, pedirán que se expropie o inmoble para rehabilitalo e abrir nel equipamentos sociocomunitarios

“Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”

Demandaremos no Pleno que se executen subsidiariamente os traballos de conservación da Fábrica da Luz

O BNG pedirá novamente ao goberno local que se dirixa formalmente á eléctrica para negociar adquisición da factoría. Se non hai acordo, pedirán que se expropie o inmoble para rehabilitalo e abrir nel equipamentos sociocomunitarios

“Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”

Betanzos, 19 de setembro de 2018. O BNG demandará no Pleno que o goberno local inicie de inmediato a execución subsidiaria dos traballos de conservación da Fábrica da Luz. “Naturgy ten recorrido na Xustiza a denegación da demolición da fábrica e tamén a orde de execución para conservala, e acaba de pedir que se lle declare ruína un edificio único no patrimonio industrial galego”, recordou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Está fóra de toda dúbida que Fenosa quere tirar o noso patrimonio e enredar en multas e recursos só serve para que gañen tempo e o edificio se veña abaixo”, manifestou.

Neste sentido, desde o BNG entenden que “se é certo que o goberno local non está disposto a permitir que desapareza o edificio, como din nas súas notas de prensa, hai que actuar xa”. “Non pode ser que compense pagar unha multiña por arruinar un edificio coma este” ironiza Del Río. As nacionalistas recordan que o orzamento prorrogado en vigor ten varias partidas ampliábeis destinadas a execucións subsidiarias. “Non se pode perder un segundo máis, na resolución de protección de hai un ano Patrimonio pedía actuacións de conservación urxentes que un ano despois aínda non existen” advirte.

O BNG pedirá novamente ao goberno local que se dirixa formalmente á eléctrica para negociar adquisición da factoría. “É evidente que non queren conservar o edificio, pero nós si, así que hai que tratar de adquirilo”, explica Del Río. Se estas conversas non chegan a bo porto ou a multinacional se nega, “á vista do interese público, propomos iniciar un expediente de expropiación forzosa para que a Fábrica da Luz pase a ser de propiedade municipal e acolla equipamentos sociocomunitarios, dos que anda moi faltos o barrio da Madalena”.

“Non pode saírlle gratis a Naturgy querer acabar co noso patrimonio industrial”, engaden as nacionalistas. Neste sentido, propoñen que o Concello mude de empresa proveedora de electricidade.  “Se a antiga Fenosa quere acabar co noso patrimonio, os cartos das betanceiras non poden pagar esta manobra que só busca especular co solar que ocupa este edificio desde hai 125 anos”, conclúen.

Equipamentos sociocomunitarios para poñer en valor o pasado industrial

O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país”, relatan. “Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”, conclúen desde o BNG.