ESTE NOVO CONTRATO A DEDO DÁSE SEN VALORAR DE MANEIRA RIGOROSA A XESTIÓN DIRECTA DO SERVIZO

Cuestionamos que agora o goberno local cambie de criterio e contrate a dedo unha nova empresa para o SAF

WhatsApp Image 2019-05-10 at 21.53.25
Henrique del Río e Vanessa Rey nunha xuntanza con veciñas

“Amparan esta contratación a dedo, sen expediente, en que é unha contratación por emerxencia, como se houbera un desastre natural, cando o que hai neste caso non é emerxencia, é incompetencia”

Cuestionamos que agora o goberno local cambie de criterio e contrate a dedo unha nova empresa para o SAF

Este novo contrato a dedo dáse sen valorar de maneira rigorosa a xestión directa do servizo.

“Amparan esta contratación a dedo, sen expediente, en que é unha contratación por emerxencia, como se houbera un desastre natural, cando o que hai neste caso non é emerxencia, é incompetencia”

Betanzos, 30 de setembro de 2019. O BNG cuestionou que o goberno local acabase contratando a dedo unha nova empresa para xestionar o servizo de axuda no fogar (SAF) sen valorar de maneira rigorosa a xestión directa do servizo. “O PSOE, e nomeadamente María Barral, tiveron tempo máis que de sobra para solucionar este problema e non fixeron nada, e agora tarde, mal e a rastro saen con esta nova contratación” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas cuestionan que o executivo socialista leve “anos dando bandazos, paos de cego e mantendo un problema que eles crearon e permitiron ir a máis, por pura incompetencia”. “Agora, as consecuencias de todo isto pagámolas todas as veciñas”, relata Del Río.

“Hoxe reuníronnos para darnos conta de que a alcaldesa decidira contratar unha nova empresa, sen seguir para nada canto establece a Lei de Contratos”, relata o edil do BNG. “Amparan esta contratación a dedo, sen expediente, en que é unha contratación por emerxencia, como se houbera un desastre natural, cando o que hai neste caso non é emerxencia, é incompetencia” ironiza o portavoz municipal nacionalista.

Remarca que “con esta decisión que hoxe nos comunicaron, xa tomada, o PSOE está facendo o contrario ao que acordou o Pleno o martes pasado, aínda non hai unha semana, cando tamén nos obrigaron a tomar unha decisión sen poder mirar antes documentación nin informes técnicos”.

O goberno incumpriu os acordos de sancionar á concesionaria e de rescindirlle o contrato

“E todo isto é contrario, á súa vez, tanto ao acordo de rescindirlle o contrato á concesionaria, Tu Mayor Amigo, que tomara o Pleno como órgano de contratación que é e que a alcaldesa non cumpriu” abunda o voceiro do BNG. “E contrario tamén ao acordo do Pleno como órgano de contratación de abrirlle un expediente sancionador á empresa, que a alcaldesa deixou caducar por non resolvelo”, denuncia.

“O PSOE fixo neste tema exactamente o mesmo que fixo durante anos co contrato da ORA, dar voltas, excusas, esconderse en informes e técnicos para manter unha situación de prexuízo para a veciñanza, sen defender os intereses das betanceiras”, denuncian as nacionalistas.

Prezo distinto ao contrato en vigor e ao que está en licitación

“E agora pagaremos dúas empresas, o que resta por pagar de esta e a que contrataron cun procedemento de dubidoso encaixe legal para que empreste servizos a partir de mañá”, advirte Del Río. O nacionalista explica que, coa información que a alcaldesa ofreceu esta mañá dun acordo que xa tiña pechado, “este contrato a dedo, ademais, terá un prezo distinto ao que estaba en vigor, pero tamén ao que está agora mesmo en licitación”.

“A nós todo isto créanos moitas dúbidas, non lle vemos encaixe legal cos datos que temos e a ver se dunha vez o goberno local nos entrega toda a documentación que comprometera para ver que pasos tomar”, relatan desde o BNG. “Veremos dentro duns meses se esta nova empresa non acaba como adxudicataria do servizo tras utilizar como aval de capacidade técnica precisamente este contrato a dedo”, ironizan.

“O que semella claro é que o goberno local pregouse en todo momento aos intereses da concesionaria do SAF: primeiro consentindo os seus incumprimentos, mirando para outro lado, non sancionando, non rescindindo, e agora permitíndolles irse de rositas” engaden. “Un desastre a xestión deste servizo que están pagando usuarias e traballadoras” resume Del Río.

Cuestionamos que agora o goberno local cambie de criterio e contrate a dedo unha nova empresa para o SAF