As contratacións irregulares do PP cústanlle a Betanzos máis de 54.000 €

As contratacións irregulares do PP cústanlle a Betanzos máis de 54.000 €

O grupo municipal do BNG

“PSOE e PP gástanse os cartos que tiñan que ir destinados a servizos para a veciñanza en indeminizacións por sentenzas xudiciais pola súa irresponsabilidade na xestión dos fondos públicos”

Betanzos, 10 de xullo de 2013. O Concello de Betanzos foi condenado a pagar 54686,58 euros a unha empresa de limpeza que emprestaba servizos, sen contrato, no CEIP Vales Villamarín e outras dependencias municipais. O goberno do PP que presidía María Faraldo pagaba mes a mes as facturas que a empresa presentaba malia non ter ningún tipo de contrato coa administración e a pesar das advertencias dos técnicos do Concello e as denuncias do BNG.

“O PP para poder contratar a dedo a quen lles petou, evitou facer un contrato coas garantias que a lei exixe. Agora as consecuencias pagaranas todos os veciños e veciñas de Betanzos”, denuncian desde o BNG.

No seu fallo, o xulgado do contencioso nº3 da Coruña dá “por certo que a entidade local contratou de forma verbal e irregular os traballos”. “Podería esixírselle á entidade local e ás súas autoridades algún tipo de responsabilidade” asegura a sentanza.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, indicou que “esta sentenza ven corroborar as denuncias sobre os contratos irregulares que o PP mantiña na súa etapa de goberno en Betanzos”. Os nacionalistas recordan que “aínda en datas recentes María Faraldo declarou en calidade de imputada no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pola súa ‘orixinal’ forma de contratar na súa época de alcaldesa”.

“PSOE e PP gástanse os cartos que tiñan que ir destinados a servizos para a veciñanza en indeminizacións por sentenzas xudiciais pola súa irresponsabilidade na xestión dos fondos públicos”, asegurou o voceiro do BNG. “Non pode ser que non haxa cartos para servizos sociais coas súas políticas de recortes continuos e estraguen desta forma os recursos de todos”, indicou. “E peor aínda é que aquí ningún asume as súas responsabilidades, non dimite o primeiro”, lamentou.

O BNG exixe ao goberno local do PSOE que actúe e reclame aos verdadeiros responsábeis da sentenza, o goberno local do PP que encabezaba María Faraldo, que asuman as súas responsabilidades. “Porque os responsábeis non son todas as veciñas e veciños que agora pagarán”, advirte.

As contratacións irregulares do PP cústanlle a Betanzos máis de 54.000 €