HAI QUE SITUAR O MERCADO DE ABASTOS NO MAPA, SINALIZALO, MODERNIZAR AS SÚAS DEPENDENCIAS E DOTALO DE NOVOS SERVIZOS

Comprometémonos a trasladar parte das feiras ao Casco Histórico nunha xuntanza con CHESCASCO

Imaxe da reunión do BNG con CHECASCO
Imaxe da reunión do BNG con CHECASCO

"Queremos poñer en valor os elementos patrimoniais, históricos e culturais da feira de Betanzos, algo ao que se lle pode sacar moito partido e que actualmente pasa desapercibido"

Comprometémonos a trasladar parte das feiras ao Casco Histórico nunha xuntanza con CHESCASCO

Betanzos, 14 de febreiro de 2019. O BNG comprometeuse coa Asociación de Comercio,Hostalería y servizos do Casco Histórico de Betanzos (CHESCASCO) a devolver parte das feiras ás prazas e rúas da zona monumental. "A feira pode e debe ser un complemento á actividade económica do Casco Histórico e ten que contribuír a poñelo en valor e dinamizalo economicamente", explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Nunha xuntanza mantida polo candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos coa directiva da entidade, desde o BNG avanzaron que, xunto con devolver a feira quincenal ás prazas de Fernán Pérez de Andrade e do Concello, proxectan reforzar a oferta do mercado de abastos con mercados de produtos de tempada da comarca, de agricultura ecolóxica ou de produtos de segunda man na praza de Fernán Pérez de Andrade nas fins de semana, cando o tempo o permita. "Un complemento ao propio mercado e á actividade comercial do entorno", explica Del Río.

Coa promoción e potenciación das feiras, as nacionalistas incidirán tamén na dinamización do comercio e a hostelería locais, singularmente no Casco Histórico. "Hai que situar o mercado de abastos no mapa, sinalizalo, modernizar as súas dependencias e dotalo de novos servizos como unha máquina de xeo para facilitar a actividade da propia praza", explica o nacionalista. "Unha praza que funciona é un mercado que dinamiza o seu entorno", engade.

Neste sentido, aseguran que "incentivar a compra de produtos locais, promocionar a súa etiquetaxe en lingua galega e recuperar os mercados municipais é un xeito de xerar emprego estábel e de calidade”. "Poñer en valor a produción que se fai en Betanzos, ofrecer a posibilidade de transformar a materia prima nun centro de transformación agropecuaria e de vendela desde aquí", indica Del Río.

Neste proxecto, a feira xoga un papel central. “As feiras teñen que volver a ser un elemento de dinamización económica para Betanzos”, explicou Henrique del Río. "Pero é que ademais queremos poñer en valor os seus elementos patrimoniais, históricos e culturais, algo ao que se lle pode sacar moito partido e que actualmente pasa desapercibido e estase perdendo", conclúe.

Comprometémonos a trasladar parte das feiras ao Casco Histórico nunha xuntanza con CHESCASCO